HERMIDA ACUSA A CRESPO DE INTENTAR DIVIDIR AO SECTOR LÁCTEO NUN DOS MOMENTOS MÁIS CRÍTICOS DA SÚA HISTORIA

HERMIDA ACUSA A CRESPO DE INTENTAR DIVIDIR AO SECTOR LÁCTEO NUN DOS MOMENTOS MÁIS CRÍTICOS DA SÚA HISTORIA
Xoves 6 de Agosto de 2015 - Recorda a ausencia do PP de Lalín na reunión da plataforma da semana pasada e recalca o panorama de unión e o apoio incondicional do actual Goberno ao sector. O alcalde considera “lamentable” que Crespo “presuma de ter amizade cun empresario que se burla dos gandeiros”, en referencia a Jesús Lence.

O concelleiro de Actividade Gandeira, Xosé Manuel Hermida, cargou contra o voceiro do Partido Popular, José Crespo, a quen acusou de “sementar a cizaña e buscar a división do sector lácteo nun dos momentos máis difíciles da súa historia”. O edil fixo fincapé en que “é o momento de seguir coa unión que se veu mostrando ata o de agora e non o de separar, como pretende o señor Crespo, porque con iso só se conseguirá debilitar aínda máis aos produtores”.

Hermida xustificou a ausencia de membros do Goberno na xuntanza de onte alegando que se convocou “fóra de tempo, polo que non soubemos da reunión ata intres antes de comezar”. Neste senso o concelleiro recordou a falta de representantes do Partido Popular de Lalín na reunión convocada pola sección comarcal da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo o pasado 28 de xullo, na que se acordou a organización da xornada de mobilizacións do día12. “Daquela non estivo ningún membro do PP de Lalín e si doutros concellos. Non obstante respectouse a súa ausencia xustificada por motivos de axenda, cousa que eles agora non fan”, manifestou o edil de Gandería. Así mesmo, Hermida sinalou que “a única deslealdade da que podemos falar é da mostrada por Crespo durante toda a súa etapa de goberno cos gandeiros, polos que nunca dou a cara, ao contrario que está facendo o actual Goberno”.

Falta de respecto de Lence

Por outro lado, o alcalde cualificou de lamentable que “Crespo presuma de manter unha teórica amizade con Jesús Lence, un empresario que se burla dos gandeiros e da súa crítica situación, causada en parte por prácticas empresariais como as súas que practicamente atentan contra os gandeiros”. Rafael Cuíña acusou a Lence de “faltarlle ao respecto a miles de familias que están a sufrir unha situación económica límite”, tras as súas declaracións de onte, e conminouno a pedir desculpas públicas ante o que considera unha “mofa inxustificable” por parte do empresario cara os produtores.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín