AS DÚAS NOVAS ESTATUAS DE PEREGRINO XA LOCEN NO CAMIÑO DE INVERNO AO SEU PASO POR LALÍN

AS DÚAS NOVAS ESTATUAS DE PEREGRINO XA LOCEN NO CAMIÑO DE INVERNO AO SEU PASO POR LALÍN
Luns 7 de Xaneiro de 2019 - A colocación destas pezas en lugares significativos servirá para facer máis visible a condición de Lalín como vila do Camiño de Santiago e contribuirá ao desenvolvemento do turismo. Francisco Vilariño remarcou que a iniciativa se desenvolve ao abeiro das múltiples accións postas en marcha dentro da aposta do Concello de Lalín por promocionar e consolidar o Camiño de Inverno como eixo de atracción de visitantes e, polo tanto, como polo xerador de riqueza e dinamismo social.

O Concello de Lalín instalou esta mañá as dúas novas estatuas elaboradas en forxa que representan a figura dun peregrino no Camiño de Inverno ao seu paso polo casco urbano de Lalín. Concretamente, as pezas quedaron situadas no acceso desta ruta xacobea ao centro urbano pola Praza da Igrexa e na rúa Colón, a carón da Biblioteca Municipal, por onde continúa o trazado antes de abandonar o casco urbano polo Paseo do Pontiñas. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, supervisou a primeira hora desta mañá o proceso de colocación das esculturas e destacou a boa acollida á iniciativa que amosaron os primeiros veciños e veciñas que observaron estes dous novos elementos que permanecerán no casco urbano co obxectivo de promocionar e darlle valor ao Camiño de Inverno en Lalín.

Francisco Vilariño lembrou que Lalín se está consolidando como unha vila con moito peso con respecto ao paso de peregrinos tendo en conta que o concello é atravesado tanto pola Ruta da Prata como polo Camiño de Inverno, de modo que a colocación destas esculturas servirá para facer máis visible esta condición e contribuirá ao desenvolvemento do turismo. Ademais -explicou- a beleza e vistosidade das figuras servirá por si mesma para embelecer o entorno urbano constituíndo un atractivo máis para veciños e visitantes, ao mesmo tempo que de maneira simbólica lles dan a benvida á nosa vila aos romeiros de paso por Lalín.

As estatuas foron creadas polo artesán cerralleiro lalinense, Manuel García Guerra, que rexenta a cerrallería artística Emaco e, como remarcou Vilariño, son dunha gran beleza e representatividade, polo que van pasar a ser un elemento máis de atractivo turístico na nosa vila, ao tempo que serven como homenaxe ao peregrino. Realizadas de xeito totalmente artesanal, as pezas miden sobre un metro oitenta de altura e pesan uns 75 quilogramos. Está creadas en chapa de aceiro cortén, un tipo de metal que unha vez ensamblado se somete a un proceso de oxidación. Manuel García Guerra leva varios anos deseñando este tipo de esculturas e ten pezas co seu selo instaladas en varios albergues e puntos de paso do Camiño de Santiago.

Francisco Vilariño fixo fincapé que a iniciativa se desenvolve ao abeiro das múltiples accións postas en marcha dentro da aposta do Concello de Lalín por promocionar e consolidar o Camiño de Inverno como eixo de atracción de visitantes e, polo tanto, como polo xerador de riqueza e dinamismo social. O edil lembrou que o Camiño de Inverno foi recoñecido en 2016 pola Xunta de Galicia como ruta oficial de peregrinación a Santiago. Polo tanto -sinalou- é o máis novo dos camiños xacobeos oficiais e, en consecuencia, un dos menos coñecidos para o público, polo que consideramos necesario a través de iniciativas coma esta, incidir de maneira especial na súa promoción para dalo a coñecer e incrementar así o número de peregrinos que fan de Lalín non só lugar de paso e de estancia.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín