CUÍÑA PIDE O APOIO DE TODOS E TODAS AS LALINENSES NA MANIFESTACIÓN DE MAÑÁ EN FAVOR DO SECTOR LÁCTEO

CUÍÑA PIDE O APOIO DE TODOS E TODAS AS LALINENSES NA MANIFESTACIÓN DE MAÑÁ EN FAVOR DO SECTOR LÁCTEO
Martes 11 de Agosto de 2015 - O rexedor mantivo unha reunión coas forzas de seguridade para coordinar o bo desenvolvemento do acto de protesta, no que participarán 400 tractores. Acusou a Crespo de desmobilizar aos gandeiros e de “estar máis pendente de intereses partidistas que de defender un sector estratéxico para Lalín”. Cuíña, Casares e Hermida repartiron bandos polos establecementos da vila demandando a participación e o respaldo á manifestación.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, fixo hoxe un chamamento á participación de todas e todos os veciños no acto de protesta organizado pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, mañá en Lalín. O rexedor tamén aplaudiu a intención de comerciantes e hostaleiros de pechar durante o transcurso da manifestación en sinal de apoio e insistiu “na importancia do sector do leite para Lalín e para a comarca”. “Se morre o sector lácteo os outros sectores económicos do concello veranse afectados gravísimamente, polo que o Concello vai estar sempre ao seu carón”, manifestou o rexedor.

Rafael Cuíña e o concelleiro de Produción e Actividade Gandeira, Xosé Manuel Hermida, mantiveron esta mañá unha reunión de coordinación coas forzas de seguridade para tratar a organización da manifestación e da tractorada de mañá. Cuíña explicou que tanto a Garda Civil, como a Policía Local e o Corpo de Protección Civil estarán “totalmente coordinados para que non haxa ningún problema de seguridade”. Neste senso indicou que dende as organizacións sindicais se garantiu que non se produciría ningún tipo de desperfecto e que a protesta transcorrería segundo a orde prevista. Así, a chegada dos tractores prevese a partir das 12.00 horas por todos os puntos de acceso á capital dezá. Tras rodar polas rúas de Lalín, segundo o percorrido estipulado, os vehículos -que serán uns 400 segundo as organizacións agrarias- concentraranse nas inmediacións da praza de Galicia. A continuación, ás 13.30 horas, partirá dende a Praza da Marina a manifestación que rematará na Praza da Igrexa.

Por outro lado, Cuíña acusou ao voceiro do Partido Popular, José Crespo, “de estar chamando a gandeiros para desmobilizalos”, no que cualificou como “un exercicio de absoluta irresponsabilidade que se agrava por partir de alguén que coñece o sector agrario e as súas dificultades”. O rexedor cuestionou que Crespo anunciase que manterá unha reunión coa conselleira de Medio Rural e acusouno de “seguir máis pendente de defender intereses partidarios que os dun sector determinante na economía da comarca”.

Petición de apoio ao comercio local

A partir do mediodía e, reflectindo o apoio do Goberno aos gandeiros, o rexedor, Rafael Cuíña, percorreu, acompañado polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares e o edil de Produción e Actividade Gandeira, Xosé Manuel Hermida, diferentes establecementos comerciais e hostaleiros do centro para pedir apoio á manifestación. Nas visitas entregouse un bando de respaldo ao sector e solicitouse a participación no acto e o peche dos establecementos durante o transcurso do acto de protesta.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín