CUÍÑA CONTINÚA COA ROLDA DE ENCONTROS VECIÑAIS POLAS PARROQUIAS PARA COÑECER AS PRINCIPAIS NECESIDADES DO RURAL

CUÍÑA CONTINÚA COA ROLDA DE ENCONTROS VECIÑAIS POLAS PARROQUIAS PARA COÑECER AS PRINCIPAIS NECESIDADES DO RURAL
Venres 9 de Outubro de 2015 - As reunións continuarán ata chegar a todas e cada unha das localidades do rural para ir dando resposta ás demandas dos veciños e coñecer as súas necesidades máis urxentes. Cuíña e Medela déronse hoxe cita ás 21.00 horas, cos veciños e veciñas de Méixome.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, continúa coa rolda de encontros veciñais polas diferentes parroquias e lugares do Concello de Lalín. As visitas ao rural comezaron xa no pasado mes de xullo e fóronse desenvolvendo de modo gradual acudindo semana a semana a diferentes puntos do municipio.

Cuíña participou en numerosos encontros veciñais no transcurso destes meses, entrevistándose, entre outros, cos veciños e veciñas de Catasós, Noceda, Goiás, Filgueira, Sestelo, Cristimil, Maceira, Barcia, Sello, Zobra, Doade, Anzo, A Veiga, A Xesta, Alvarellos, Anseán ou Madriñán. Non obstante, as reunións do rexedor e do concelleiro de Rural, Miguel Medela, parroquia por parroquia, continuarán ata ter chegado a todas e cada unha delas.

O seu obxectivo é tratar de dar respostas rápidas e eficaces ás demandas máis urxentes dos cidadáns, así como ter un coñecemento xeral das principais necesidades da veciñanza do rural. Hoxe mesmo, Cuíña e Medela déronse cita ás 21.00 horas, cos veciños e veciñas de Méixome, onde como é habitual, estes puideron conversar co alcalde e transmitirlle as súas suxestións e inquedanzas.

Unha das prioridades do Goberno municipal é a recuperación e posta en valor do rural así como a mellora da calidade de vida dos seus habitantes. Porén, tal e como manifesta o rexedor, “os encontros constitúen unha clara acción de contacto, transparencia e participación cidadá, xa que as achegas da xente nos servirán para devolverlle ao rural o seu pasado esplendor”.

Cuíña tamén está aproveitando cada xuntanza para animar aos veciños a sumarse ao proceso de elección dos novos alcaldes de aldea, que se realizará de forma totalmente democrática. A este posto de representación veciñal poderá presentarse calquera persoa que queira e sexa maior de idade, aínda que o concello quere darlle prioridade a mulleres, mozos e a aqueles que nunca antes ostentasen esa función.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín