CUÍÑA ACUSA A LEITE RÍO DE PRACTICAR O “TERRORISMO ECONÓMICO” CONTRA OS GANDEIROS DA COMARCA

CUÍÑA ACUSA A LEITE RÍO DE PRACTICAR O “TERRORISMO ECONÓMICO” CONTRA OS GANDEIROS DA COMARCA
Mércores 8 de Xullo de 2015 - O alcalde afirma que o concello tomará todas as medidas que estean na súa man para impedir este “brutal ataque” contra o sector.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, acusou hoxe a Leite Río de practicar o terrorismo económico contra os gandeiros da comarca. Cuíña amósase fondamente indignado despois de coñecer que a empresa de Jesús Lence deixará de recoller o leite nun gran número de explotacións da comarca a partir do día 15. “Trátase dunha decisión cruel e inxustificable, un ataque en toda regra contra a liña de flotación da nosa economía”, afirma o rexedor ao tempo que anuncia que “o concello non vai quedar de brazos cruzados ante este brutal ataque contra os nosos gandeiros”.

Rafael Cuíña asegura que “esta nova chantaxe empresarial contra os produtores vai ser o tiro de graza para un sector que está en situación crítica”. O rexedor sostén que “isto non é, como algúns nos queren facer crer, a crónica dunha morte anunciada senón un crime premeditado que se executa coa complicidade da Xunta e do goberno central”.

Cuíña insiste, en todo caso, en que “iremos a onde faga falta e enfrontarémonos a quen faga falta para evitar a ruína do noso campo, que para nos é a ruína dos nosos veciños e veciñas”. O goberno municipal de Lalín amosou en todo momento ao seu apoio ás “lexítimas reivindicacións” do sector lácteo e púxose a disposición dos gandeiros para encabezar calquera mobilización que se convoque en defensa do sector lácteo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín