Coordinar a Fase Final da Liga Galega de Bandas de Gaitas

Mércores 25 de Xullo de 2012 - O Regueiriño será a zona habilitada para o aparcamento dos autobuses e para os turismos habilitarase a explanada do Haley e o Campo da Feira

A fin de garantir unha circulación axeitada e o desenvolvemento normal da “Fase Final” da XXII Liga Galega de Bandas de Gaitas, o concelleiro e vicepresidente do Padroado Cultural, Manuel Gómez, mantivo unha xuntanza co inspector xefe da Policía Local, Jesús Cuñarro, e co xefe de Protección Civil, Víctor Blanco, así como co presidente da Asociación Galega de Bandas de Gaitas, Hipólito Cabezas. 

A dita “Fase Final” da Liga Galega de Bandas de Gaitas reunirá o vindeiro sábado, 28 de xullo, no Lalín Arena, a unha trintena de formacións -uns 1.500 gaiteiros- e ás súas familias e amigos, que virán desde distintos puntos da xeografía galega, española e mesmo de Portugal para os ver, en torno a 4.500 ou 5.000 persoas se esperan, segundo apuntou Hipólito Cabezas na rolda de presentación do dito evento. 

Manuel Gómez explica que “ante a previsión da chegada de gran número de persoas a Lalín ao longo do vindeiro sábado, decidimos establecer un dispositivo especial de tráfico co fin de que todo funcione correctamente e evitar os atascos e aglomeracións”. “Deste xeito, e ante a chegada que prevemos duns 40 autobuses, reservaremos a zona do Regueiriño para que aparquen”, indica. 

“Tamén se cortará desde primeira hora da mañá do sábado, 28 de xullo, e ata as 22 horas da noite o treito da Avenida Xosé Cuíña e se habilitarán aparcamentos na explanada Haley e do Campo da Feira para que que aparquen os turismos”, subliña Gómez. “Esperamos que este evento que traerá un número importante de persoas a Lalín se poida desenvolver con toda normalidade”, afirma Gómez. 

PROGRAMA 

Ás 10 horas do día 28 de xullo abriranse as portas das instalacións do Lalín Arena para que as Bandas se vaian instalando no recinto e incluso para que realicen os seus ensaios previos á competición sobre o escenario -instalarase céspede artificial, cedido polo Concello de Forcarei á Asociación Galega de Bandas de Gaitas, que levará pintado un círculo central sobre o que se situarán cada unha das Bandas cando toquen-. 

Ás 12.00 horas terá lugar a primeira parte da fase da Liga coa competición das Bandas de 4º e 3ª grao. A Banda de Gaitas de Lalín, de 4º grao, tocaralle a súa interpretación neste campionato ás 12.14 horas (os tempos nesta competición son milemétricos e á Banda de Lalín, como todas as de 4º grao, corresponderalle interpretar os distintos ritmos da proba durante 5 minutos). Ás 13.45 horas terá lugar o acto de peche de pola mañá, coa intervención do presidente da Asociación, Hipólito Cabezas, e coa entrega de puntuacións ás Bandas de 4º e 3º Grao. 

Ás 16.00 horas abrirán novamente as instalacións do Lalín Arena -novo tempo para ensaios- e ás 17.30 horas dará comezo a segunda parte da Liga Galega de Bandas de Gaitas, na que competirán as formacións de 2º e de 1º grao. Ás 21.15 horas terá lugar a clausura do acto, coa intervención das autoridades e do presidente da Asociación; a entrega das puntuacións das Bandas de 2º e 1º grao.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín