COMEZAN AS OBRAS PARA HABILITAR UNHA NOVA SALA DE XIMNASIO NO LALÍN ARENA CON ZONA DE CROSSFIT

COMEZAN AS OBRAS PARA HABILITAR UNHA NOVA SALA DE XIMNASIO NO LALÍN ARENA CON ZONA DE CROSSFIT
Martes 4 de Decembro de 2018 - A actuación estará finalizada antes de rematar o ano. González Casares e María Jesús Sánchez supervisaron o inicio dos traballos e destacaron que a iniciativa permitirá ofrecer unha variedade de servizos máis ampla no Arena, ademais de darlle uso a unha sala que até o de agora carecía del.

A concelleira delegada do Centro Deportivo Municipal Lalín Arena, María Jesús Sánchez, e o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, realizaron unha visita xunto con técnicos municipais ás instalacións do multiusos para supervisar o inicio das obras de habilitación dunha nova sala de ximnasio con zona específica para a practica do crossfit. As obras están sendo desenvolvidas pola empresa Z. O. O Rosal S.L que foi a firma adxudicataria da actuación que conta cun orzamento de 40.696,88 euros, que se financiarán con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Sánchez informou de que as obras estarán finalizadas antes de rematar o ano. Este proxecto permitirá darlle uso á única sala do Lalín Arena que na actualidade carece del e que se corresponde co que se propuxera destinar hai anos a pista de xeo e que nunca foi acondicionado. Ao mesmo tempo, a iniciativa permitirá ofrecer unha variedade de servizos máis ampla para os usuarios do complexo deportivo ante a plena ocupación do resto dos espazos e dar resposta á cada vez máis elevada demanda deste tipo de instalacións.

En canto ás obras que se están a realizar na sala, acometerase a pavimentación e remate de instalacións de xeito que poida ter o uso proposto para ximnasio. Nesta zona, ademais, procederase a executar unha rampla de acceso, para salvar os desniveis existentes entre a zona de entrada e a propia zona de ximnasio. Cómpre subliñar que, ademais dos aparellos propios de ximnasio, o Concello habiltará unha zona de crossfit que contará, entre outros equipos, cun soporte para exercicio de fondos, un saco de boxeo, e un rotador de barra olímpica para remo.

Para separar a zona de acceso da zona da sala de ximnasio e evitar caídas debido ao desnivel existente, tamén se instalará unha baranda que separará as dúas zonas. Así mesmo, vaise colocar unha fronte de espello e unha barra de madeira para practicar distintos deportes ou bailes. Acometerase tamén o remate das instalacións de iluminación con reposición de luminarias de alumeado tipo LED e instalarase alumeado de emerxencia.

María Jesús Sánchez e Casares destacaron a relevancia desta iniciativa “que nos permitirá datar de uso unha área do Arena que ata o de agora estaba inutilizada”. “Ao mesmo tempo” -engadiron- “a posta en marcha desta nova sala de ximnasio servirá para dar resposta a unha demanda cada vez maior por parte da cidadanía deste tipo de instalacións e para seguir ofrecendo alternativas saudables nun centro deportivo municipal que busca ofrecer as máximas prestacións e as mellores condicións aos seus usuarios”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín