COMEZAN AS OBRAS DE AMPLIACIÓN E MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DE ABASTECEMENTO DE AUGA EN VARIAS PARROQUIAS DO CONCELLO DE LALÍN

COMEZAN AS OBRAS DE AMPLIACIÓN E MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DE ABASTECEMENTO DE AUGA EN VARIAS PARROQUIAS DO CONCELLO DE LALÍN
Luns 8 de Outubro de 2018 - Cuíña, Medela e González Casares explicaron que as actuacións serven para dar resposta ás demandas veciñais sobre o abastecemento e para corrixir as carencias que se producen en verán.. O proxecto foi adxudicado por unha cantidade final de 82.709 euros, que se financiarán con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2018.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, o concelleiro de Rural, Miguel Medela e o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, realizaron esta mañá unha visita ao inicio das obras para ampliar e mellorar as infraestruturas de abastecemento de auga nas localidades de Bustelo (Lebozán), Anzo, Palmou, Madriñán e Gondoriz (Vilatuxe). En concreto, Rafael Cuíña, Nicolás González Casares e Miguel Medela desprazáronse ata Anzo onde -xunto con Vilatuxe- comezaron esta semana unhas actuacións que teñen como obxectivo fundamental mellorar os servizos de abastecemento de auga nas localidades onde se vai actuar mediante a construción de novas infraestruturas e a ampliación dos sistemas de traída, para dar resposta ás demandas veciñais. Ao mesmo tempo, este proxecto tamén servirá para minimizarán os riscos de desabastecemento que se viñan producindo cada verán durante os últimos anos nestes lugaraes. Estas actuacións, que contaban cun orzamento de licitación de 108.330 euros, foron adxudicadas por unha cantidade final de 82.709 euros, que se financiarán con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2018.

De maneira específica, na parroquia de Vilatuxe vaise ampliar a rede de
abastecemento a vivendas do núcleo de Gondoriz Grande, aproveitando a
rede de distribución existente no lugar sen servizo para alimentala en
cabeceira cunha liña dende Gondoriz Pequeno. Asemade, O Concello
acometerá a ampliación da rede de abastecemento ata Madriñán,
aproveitando a arteria de subministro de Noceda e levándoa pola estrada
EP.6005 ata os núcleos próximos para solucionar problemas de
abastecemento e dar servizo á veciñanza.

Ademais, o proxecto contempla a construción dun depósito de auga no
lugar de Bustelo, na parroquia de Lebozán. O depósito existente
actualmente, que se sitúa na zona da captación presenta un estado moi
deteriorado, con importantes fendas que provocan que non garde auga,
inhabilitándoo por completo para o uso que debe prestar. Porén,
construírase un novo con capacidade para albergar 15 metros cúbicos,
nunha zona con maior accesibilidade e próximo á vía pública, así como máis cercano ao punto medio de consumo, o que permitirá un óptimo
aproveitamento e subministro da auga mediante a adaptación da liña de abastecemento.

Os núcleos da parroquia de Anzo abastécense de dous depósitos: un de
reserva xeral, que serve para alimentar a maioría das aldeas e bebe do
manantial de Porta Remoire e outro pequeno que se alimenta da cima de
Alemparte e serve os núcleos de Castro e Outeiro. Ámbolos depósitos
teñen perdas considerables debidas ao seu deterioro, polo que despois de
estudar varias solucións para arranxalos, decidiuse construír dous
novos, previo derrubo dos existentes.

Por último, na parroquia de Palmou, e máis concretamente no lugar de Rielo, os residentes veñen sufrindo cada verán importantes problemas de
abastecemento por mor da escaseza de chuvias. Varias vivendas deste
núcleo non teñen conexión á rede de abastecemento municipal que 
discorre cara Palio pola estrada EP:6009 e que debido á súa cercanía con
Rielo se vai aproveitar para entrocarse nela, ampliando a rede de
subministro e dando unha solución ás carencias en verán.

O rexedor e os concelleiros puxeron de relevo a trascendencia desta actuación, que permitirá seguir incrementando os servizos no rural e dar resposta a cuestións tan importantes para os veciños e veciñas como o correcto abastecemento de auga en núcleos con importantes carencias en época de seca nos que incluso no pasado verán foi preciso realizar subministros de emerxencia, debido ás dificultades da seca. Finalmente puxeron de relevo o importante esforzo que vén realizando o Goberno de Lalín para continuar dotando de servizos e infraestruturas o rural, lembrando que actualmente se están desenvolvendo obras de mellora nos centros sociais de Palio, Noceda, A Xesta e Zobra, así como a ampliación do abastecemento de auga en Goiás, ou o saneamento de Zobra, entre outros proxectos.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín