COMEZA O PROCESO DE SELECCIÓN DE PERSOAL PARA O OBRADOIRO DE EMPREGO “FORESTA LALÍN”

COMEZA O PROCESO DE SELECCIÓN DE PERSOAL PARA O OBRADOIRO DE EMPREGO “FORESTA LALÍN”
Luns 1 de Outubro de 2018 - Seleccionaranse 20 alumnos-traballadores, 10 para a modalidade formativa de repoboación forestal e tratamento silvícola e outras 10 persoas para a modalidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Fernández fixo fincapé na utilidade deste obradoiro, xa que ademais de ofrecer unha nova oportunidade laboral a moitos cidadáns, vai formar novos profesionais en materia forestal e seguridade ambiental.

O concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, anuncia que vén de dar comezo o proceso de selección do persoal alumno-traballador, así como do persoal docente que participará no obradoiro de emprego que vai poñer en marcha o Concello de Lalín denominado “Foresta Lalín”. O Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) remitiu no día de onte as ofertas cos candidatos e candidatas a formar parte da iniciativa. Trátase de persoas en situación de desemprego inscritas na Oficina de Emprego de Lalín. Seleccionaranse 10 candidatos/as para a especialidade formativa de repoboación forestal e tratamento silvícola e outras 10 persoas para a modalidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Así mesmo, seleccionarase 1 director/a 1 titor/a 1 experto ou experta docente de repoboación forestal e tratamento silvícola e 1 experto ou experta docente en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.

A comezos de outubro dará comezo a sandaxe de candidaturas por parte do persoal técnico da Oficina de Emprego de Lalín. Posteriormente abrirase unha fase de solicitude e entrega de documentación e publicarase a lista de candidatos admitidos para a fase de entrevista en base á puntuación obtida no baremo de selección, que pode consultarse na páxina web do Concello, onde tamén están dispoñibles as bases do proceso. Tras a entrevista publicarase a listaxe definitiva de alumnos e alumnas así como de persoal docente seleccionado con vistas a que o obradoiro dea comezo a principios do mes de novembro.

Fernández fixo fincapé na utilidade deste obradoiro, xa que ademais de ofrecer unha nova oportunidade laboral a moitos cidadáns, vai formar novos profesionais en materia forestal e seguridade ambiental relacionada cos incendios forestais, un mal que sofre Galicia cada ano e do que Lalín non é alleo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín