AS AXUDAS MUNICIPAIS COMPLEMENTARIAS AO ESTUDO BENEFICIARÁN A MÁIS DE 170 MENORES DE LALÍN

AS AXUDAS MUNICIPAIS COMPLEMENTARIAS AO ESTUDO BENEFICIARÁN A MÁIS DE 170 MENORES DE LALÍN
Xoves 13 de Septembro de 2018 - O Concello está na fase final de resolución para que os bonos por valor de 80 euros cada un se poidan empezar a recoller entre finais de setembro e principios de outubro. Hai 28 solicitudes pendentes de achegar documentación, un trámite que aínda se pode realizar ata o vindeiro 20 de setembro.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informou hoxe de que un total de 171 menores de Lalín se van beneficiar este ano das axudas municipais complementarias ao estudo para o curso 2018/19. A resolución inicial destes bonos por valor de 80 euros cada un -e que, polo tanto, contemplan unha achega global por parte do Concello de 13.680 euros- realizarase nos próximos días, co obxectivo de que as familias beneficiadas poidan empezar a recollelos entre finais do mes de setembro e principios do de outubro.

González Casares lembra, ademais, que ata o día 20 permanece aberto o prazo de entrega de documentación complementaria para aquelas familias beneficiadas que, por exemplo, aínda non achegaron o correspondente certificado de escolarización. Das 116 solicitudes formuladas, e que benefician a eses 171 menores, aínda hai 28 pendentes de completar o expediente. Os beneficiarios son os alumnos e alumnas matriculados en centros educativos do concello de Lalín de familias en situación socioeconómica de dificultade.

Os vales por valor de 80 euros por beneficiario terán que destinados a material escolar, a textos de lectura, vestiario deportivo, calzado, etc. Os bonos terán que ser cambiados en librerías ou comercio minorista de Lalín –o que permite que esta iniciativa tamén contribúa á dinamización económica deste sector- e polo importe máximo que figura no documento.

Casares explicou que a concesión das becas faise seguindo “os correspondentes criterios económicos e sociais para cumprir o obxectivo fundamental de que estas axudas beneficien realmente a quen máis o precisa”. González Casares detalla, por exemplo, que “a discapacidade contémplase como elemento de discriminación positiva, así como a maior unidade de membros da unidade de convivencia”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín