AVANZAN OS PREGOS DO PRIMEIRO GRAN CONTRATO PARA CONVERTER LALÍN NUNHA SMART CITY

AVANZAN OS PREGOS DO PRIMEIRO GRAN CONTRATO PARA CONVERTER LALÍN NUNHA SMART CITY
Martes 16 de Outubro de 2018 - Casares afirmou que esta iniciativa suporá “un investimento moi importante e con gran repercusión na modernización tecnolóxica do Concello de Lalín e dos seus servizos”. Contempla a posta en marcha de redes wifi abertas, sistemas de axuda ao estacionamento, pantallas informativas etc.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, mantivo esta semana unha reunión con representantes da asesoría, Idom Consulting, así como con técnicos municipais de contratación e de informática, que serviu para avanzar no que vai ser o primeiro gran contrato incluído na estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020), encamiñado a converter a vila nunha Smart City. Esta iniciativa enmárcase dentro do obxectivo temático número 2, que busca impulsar a integración e o acceso ás novas tecnoloxías co obxectivo de mellorar os servizos públicos e as relacións administrativas coa cidadanía. Concretamente o proxecto da Smart City comprometerá un orzamento aproximado de 200 mil euros dos 960 mil para o global do obxectivo temático. Casares afirmou que esta iniciativa suporá “un investimento moi importante e con gran repercusión na modernización tecnolóxica do Concello de Lalín e dos seus servizos”.

En primeiro lugar, o lanzamento do plan Smart City de Lalín incluirá a posta en marcha dunha plataforma de “control de cidade”; unha ferramenta que permitirá manter o control de todos os elementos tecnolóxicos e electrónicos que se dispoñan na vía pública por parte do Concello de Lalín.

En segundo lugar, realizarase un importante esforzo cun destacado investimento económico para dotar de redes wifi abertas á cidadanía nos edificios municipais. Ata o de agora xa se ofrece este servizos nalgunhas instalacións públicas, non obstante, este é moi limitado, polo que se mellorarán as conexións e ser farán máis abertas e accesibles. Fundamentalmente dotaranse de conexión o concello, a biblioteca municipal, o Lalín Arena e o auditorio. Este proxecto tamén levara consigo unha mellora da seguridade no sistema de conexión inalámbrica que será moi potente e funcionará baixo o sistema “firewall”, que permitirá garantir a seguridade de todas as redes do Concello de Lalín.

Por outra banda, a iniciativa implementará un sistema de información e axuda ao estacionamenteo nas principais áreas de aparcamento públicas de Lalín (campo da feira e aparcadoiro Aldea Grande), que permitirá o control de entrada e saída de vehículos e proxectará datos temporais e de uso co obxectivo de informar á cidadanía e facilitar o seu uso.

Por último, poñerase en marcha un sistema de pantallas de información e control en diferentes puntos xeográficos do casco urbano (ambulatorio, praza da Igrexa, concello etc.) e das proximidades, que proporcionarán información de interese e de asistencia ao tráfico e ao estacionamento.

González Casares destacou que, despois da posta en marcha da ferramenta de xestión de incidencias que se está implementeando estes días e que foi o primeiro paso, o lanzamento da Smart City “é un novo paso moito máis ambicioso que permitirá converter Lalín nunha auténtica vila dixital”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín