O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, continuou esta mañá coas reunións de traballo tanto no consistorio como na Xunta de Galicia. O rexedor aproveitou o segundo día laboral na Alcaldía para manter xuntanzas internas no concello e sendas reunións de traballo en Santiago co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, para abordar cuestións cruciais para Lalín como a construción do CIS (Centro Integrado de Servizos) ou o financiamento para proxectos como o de reforma do campo de fútbol do Cortizo ou a construción da pista de atletismo de lado do Lalín Arena.
Á parte de ser a primeira reunión institucional co conselleiro de Sanidade, Crespo aproveitou o encontro con Jesús Vázquez Almuíña para “avanzar en temas de traballo e xestión con respecto ao CIS”, nunha xuntanza na que participou a concelleira Eva Montoto, o asesor urbanístico do Concello de Lalín, Javier Bugallo, e diversos técnicos da consellería.
Na xuntanza descartouse a “necesidade de elaborar un Estudo de detalle para a parcela que ocupará o CIS” que neste momento se atopa “en proceso avanzado de licitación da redacción do proxecto”.
Vázquez Almuíña comprometeuse con Crespo a “incluír nos orzamentos do ano 2020 a partida para a construción do Centro Integrado de Servizos”. Pola súa banda, o rexedor lalinense avanzou que “tan pronto estea preparado o proxecto do CIS e se presente no concello, axilizaremos o máximo posible todas as tramitacións necesarias para a concesión da licenza de obra”.
Crespo agradeceu a Vázquez Almuíña a súa “boa disposición” para con Lalín e para cun proxecto crucial para o futuro de Lalín non eido sanitario.
REUNIÓN CON LETE LASA
Con anterioridade, Crespo Iglesias mantivo un encontro co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, para expoñerlle ao dirixente autonómico “os importantes proxectos deportivos que temos plantexados para Lalín” dos que xa tiñan coñecemento por unha visita a Lalín no mes de maio. Uns proxectos que “ve con moi bos ollos Lete Lasa e que se comprometeu a estudar en profundidade” para analizar as posibilidades de colaborar no financiamento.
Tamén consultou o novo alcalde lalinense “as posibilidades de que a Secretaría Xeral para o Deporte colabore na organización de eventos deportivos en Lalín e novos apoios aos clubs deportivos”.
“BOS DÍAS” DE TVG
Crespo empezou a xornada na Televisión de Galicia no programa “Bos días”, onde analizou, a preguntas de Francisco López Iglesias, o cambio de goberno do Concello de Lalín e no que subliñou que “o éxito da candidatura en Lalín apoiouse nun importante equipo e en moito traballo, aderezado coa ilusión que crearon os proxectos presentados”.