ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS PARA A CELEBRACIÓN DE FESTAS PARROQUIAIS EN LALÍN

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS PARA A CELEBRACIÓN DE FESTAS PARROQUIAIS EN LALÍN
Xoves 20 de Septembro de 2018 - Lara Rodríguez explica que se destinarán un total de 11 mil euros a esta iniciativa. As bases contemplan un incremento de 100 euros na cantidade fixa destinada por cada unha das actuacións subvencionables. A concelleira incide en que as comisións de festas deben estar constituídas por un mínimo de tres persoas e que só se admitirán como xustificantes os pagos realizados mediate transferencia ou ingreso bancario.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicaba onte o extracto das bases reguladoras da concesión de subvencións para a celebración de festas parroquias en Lalín, ás que o Concello vai destinar un total de 11 mil euros. Con este trámite, dende hoxe e ata o vindeiro 9 de outubro estará aberto o prazo para solicitar estas axudas, que están destinadas a asociacións e comisións de festas.

A concelleira de Cultura explica que a convocatoria presenta tres importantes novidades este ano e que deben ter en conta os posibles beneficiarios. Así, con respecto a convocatorias anteriores, increméntase en 100 euros a contía fixa para as actuacións solicitadas. Desta maneira, e a efectos de determinar o importe das axudas por actuación de bandas de música establécese a seguinte clasificación por categorías:

——  Categoría A: bandas con un mínimo de 60 músicos (Banda de Música de Lalín eBanda de Música de Vilatuxe).

——  Categoría B: bandas con un mínimo de 40 músicos (Banda de Música Popular de Muimenta).

——  Categoría C: bandas con un mínimo de 30 músicos (Banda de Música A Lira de Prado).

Así, as axudas serán de 600 € para as bandas de categoría A, de 500 € para as de categoría B e de 400 € para as de categoría C. A contía da axuda no caso de actuación dun grupo de gaiteiros e charangas será de 250 €. A concesión das subvencións realizarase por estrito orde de presentación de solicitudes no caso de que debido ao número de solicitudes presentadas non todas as solicitudes poidan ser atendidas por esgotamento da partida orzamentaria.

Por outra banda, Lara Rodríguez explica que, tamén como novidades este ano, as comisións de festas que as soliciten deberán estar formadas por un mínimo de tres membros e que, ademais só se admitirán como xustificantes os pagos realizados mediate transferencia ou ingreso bancario.

En liñas xerais, poderán ser obxecto de subvención as actuacións de bandas de música, grupos de gaitas e charangas dos constituídos no Concello de Lalín, que teñan lugar con motivo da celebración de festas das distintas parroquias do Concello de Lalín. Non poderán ser obxecto de axuda na presente convocatoria as actividades subvencionadas ou financiadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias ou convenios asinados co Concello de Lalín. As achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con outras que puideran obter os beneficiarios doutras administracións públicas, sempre e cando o importe total do conxunto das mesmas non supere o custo total da actividade subvencionada.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín