4 CLUBS OFERTAN 40 PRAZAS DE INCLUSIÓN SOCIAL ACOLLÉNDOSE ÁS AXUDAS PARA O FOMENTO DO DEPORTE BASE DO CONCELLO DE LALÍN

4 CLUBS OFERTAN 40 PRAZAS DE INCLUSIÓN SOCIAL ACOLLÉNDOSE ÁS AXUDAS PARA O FOMENTO DO DEPORTE BASE DO CONCELLO DE LALÍN
Luns 14 de Novembro de 2016 - Son o Balonmán Lalín, o Rugby Lalín, a Escola de Fútbol e Basketdeza, que ofrecen 10 fichas gratuítas cada un. O concello de Lalín incluíu por vez primeira a reserva de prazas de inclusión social como plus para optar a unha maior axuda municipal.

Catro conxuntos deportivos do municipio ofertarán 40 prazas de inclusión social para menores pertencentes a familias con escasos recursos. Isto débese, tal e como explicaron os concelleiros de Deporte, Nicolás González Casares, e Miguel Medela, a que por vez primeira, o Concello de Lalín incluíu nas bases das subvencións municipais ao deporte unha liña para entidades e clubs que fomenten o deporte de base. Dentro desta liña e, como unha das principais novidades, estableceuse que a reserva de prazas de inclusión social para menores por parte dos clubs sería un plus para obter unha maior axuda económica municipal.

Así, o Club Balonmán Lalín, a Escola de Fútbol de Lalín, o Club de Rugby Lalín e o Club Basketdeza, foron as 4 entidades deportivas que decidiron incorporar estas prazas, ofertando 10 cada unha e incrementando, deste xeito, ao mesmo tempo, a axuda recibida por parte do Concello. Estas licencias de base serán totalmente gratuítas, feito polo que González Casares e Medela puxeron de relevo a importancia desta iniciativa “xa que o deporte en ocasións non é totalmente de balde pero iso non debería ser un impedimento para que calquera menor puidera practicar o seu favorito”. Neste sentido sinalaron que dende o departamento de Servizos Sociais “se fai moito fincapé na necesidade do deporte como elemento de integración social, xa que é unha auténtica escola de vida e de cidadanía que debe ser de acceso universal para todos e todas”

Instalacións deportivas

O Concello de Lalín vén levando a cabo importantes esforzos no mantemento das instalacións deportivas municipais, co obxectivo de mantelas nas mellores condicións posibles para o seu uso e desfrute por parte da cidadanía. Dentro destas actuacións, nos últimos días destacan os traballos realizados no pavillón municipal, onde se colocaron novos aros e taboleiros nas canastras, ademais de instalarse novas porterías debido ao desgaste das anteriores. Así mesmo, estanse a pintar as oficinas, os pasillos e o ximnasio. Por outra banda,continuan as actuacións no campo de rugby de Barcia, coa pasada dun pisón para eliminar as irregularidades do terreo, tal e como demandaban os clubs que empregan a instalación. En días anteriores xa se arranxaran as porterías e as deficiencias na iluminación e nos vestiarios. Así mesmo, nos próximos días está previsto que se instale unha nova caldeira, xa que a actual ten unha capacidade moi limitada para subministrar auga quente. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín