OFICINA DE IGUALDADE
A Oficina de Igualdade, é un servizo especializado de carácter municipal. O seu principal obxectivo é promover e fomentar o principio de igualdade de oportunidades e de xénero no Concello de Lalín, tratando de visibilizar, corrixir e compensar as desigualdades existentes nos diferentes ámbitos de actuación social, educativo, laboral, familiar,...
Manexamos e creamos valiosos recursos para alcanzar os nosos obxectivos, algúns dos mesmos son amplamente coñecidos, como as actuacións en materia de emprego, entre eles os cursos de Creación e Consolidación de Empresas, ou os Premios á Muller Empresaria Dna. Maruja Gutiérrez, en materia de conciliación como o Espazo Infantil Aberto, as actuacións de sensibilización como as actividades do 8 de marzo Día Internacional das Mulleres, en materia de prevención e sensibilización sobre violencia de xénero a través dos concursos de cartas Dillo a quen Maltrata, as actividades da Semana da Non Violencia ou a participación na Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero, a nivel educativo e formativo coma os Cursos de Verán coa USC, as publicacións co ICE ou os programas educativos como o Coeducando que é Xerudio. Por outra banda establecemos acordos de colaboración coas Universidades Galegas para a realización de Practicum do seu alumnado neste servizo.
Dende a Oficina de Igualdade pretendemos ter un instrumento de colaboración con todos os representantes da sociedade, porque en todos os seus ámbitos está presente a necesidade imperiosa de converter en realidade a igualdade, de conseguir que pase do papel á rúa, do mundo das ideas á realidade dos feitos, da igualdade formal á igualdade real.
Para a posta en marcha dalgúns programas e actuacións existen convenios de colaboración con diferentes entidades públicas e privadas de carácter internacional, nacional, autonómico e local.
PERSOAL TÉCNICO:
O servizo está xestionado e coordinado por dúas persoas con licenciatura en psicopedagoxía e master en axente de igualdade de oportunidades e xénero, dende a súa posta en marcha no ano 2003 ata a actualidade.
QUE FAI A OFICINA DE IGUALDADE ?
Planificar, coordinar e, no seu caso, executar o conxunto de medidas dirixidas a eliminar as trabas que impidan ou dificulten a igualdade real e efectiva entre os sexos, e en especial desenvolver os Plans de Igualdade de Oportunidades do Concello de Lalín.
Realizar o seguimento da lexislación vixente e a súa aplicación que promova a igualdade na sociedade.
Estudar e difundir a situación das mulleres na vida política, económica, cultural, laboral e social lalinense.
Establecer relacións de colaboración cos distintos departamentos, servizos e Concellerías para lograr as metas propostas.
Establecer relacións e canles de participación con Organizacións, Asociacións de mulleres, Fundacións, Axentes Económicos e Sociais e outros Entes e Organismos que por razón dos seus fins contribúan á consecución dos fins e obxectivos da Oficina de Igualdade.
Fomentar a prestación de servizos a favor das mulleres e, en particular, os dirixidos a aquelas que teñan especial necesidade.
Informar á sociedade, e especialmente ás mulleres lalinenses, sobre os seus problemas, realizando as campañas de sensibilización, promoción e difusión que se consideren oportunas. Así mesmo, a Oficina de Igualdade servirá de canle para as denuncias de discriminación, abusos e violacións dos dereitos das mulleres por razón de sexo.
Propor a adopción, polo resto das Concellerías do Concello de Lalín, de programas con enfoque de xénero no ámbito das súas competencias.
Calquera outra función que relacionada co logro dos seus fins lle puideran encomendar as leis e/ou o Concello de Lalín.
SERVIZOS E PROGRAMAS QUE OFRECE
Políticas de igualdade
Deseño e implementación do I Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Lalín (2003-2007) e II Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Lalín (2008-2011).
Deseño do III Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Lalín (2012-2015), en construcción.
Fomento do uso non sexista da linguaxe.
Información e asesoramento
Información e asesoramento sobre diferentes recursos, servizos, programas e actividades de carácter social, educativo, laboral, relacionados coa igualdade de oportunidades e de trato existentes a nivel local, autonómico e estatal, tentando dar resposta a problemáticas dispares.
Formación
Organización, deseño e xestión de cursos de formación:
Formación sobre igualdade de oportunidades e xénero, axustando os diferentes contidos (corresponsabilidade e coeducación, igualdade e prevención da violencia de xénero, xestión de conflictos, outros modelos de masculinidade...) ao sector de poboación ao que van destinados (centros escolares, obradoiros de emprego, profesionais, movemento asociativo, público en xeral), mediante diferentes modalidades de xornadas, charlas, obradoiros, seminarios, foros.
Cursos universitarios de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades” en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
I curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: superando obstáculos (educación - traballo - violencia - mass media)” Lalín 2005.
II curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: axentes de socialización (familia - escola - grupo de iguais - mass media)” Lalín 2006.
III curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: educar para convivir (relacións interpersonais - convivencia - mediación - afectividade)” Lalín 2007.
IV curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: emprego significativo (toma de decisións - inserción laboral - conciliación - diversidade” Lalín 2008.
V curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: estado de benestar e xénero (participación social - corresponsabilidade - dependencia - xestión dos tempos)” Lalín 2009.
VI curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: escola para a igualdade ( práctica igualitaria - convivencia - violencia - tempos)” Lalín 2010.
VII curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: educar para a igualdade de trato (repensar a violencia na escola - convivencia - educación relacional e emocional - comunicación) ” Lalín 2011.
VIII curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: educar na comunicación igualitaria (linguaxe incluínte - redes sociais - imaxes - rompecontos)” Lalín 2012.
Foro social contra a violencia de xénero, no que interveñen profesionais e persoas expertas que dende diferentes ámbitos de actuación social, educativo, policial, xudicial, sanitario...abordan esta problemática.
Cursos de Creación e consolidación de empresas en colaboración coa Fundación EOI (Escola de Organización Industrial) de Madrid e a cofinanciación do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o F.S.E.
Cursos de Alfabetización de persoas adultas en colaboración coa Consellería de Educación.
Cursos específicos de Novas Tecnoloxías: informática e internet.
Apoio á formación (priorizando o acceso aos diferentes cursos) e inserción laboral das víctimas de violencia de xénero.
Sensibilización e Prevención
Deseño e Organización de Campañas de sensibilización e prevención, a través de cartelería, dípticos, charlas, foros-debate, concursos, medios de comunicación...ao longo de todo o ano e de maneira moi especial, en datas próximas ao 8 de marzo “Día internacional das Mulleres”, (Premio honorífico á muller empresaria Dna. Maruja Gutiérrez),19 de marzo “Día do pai igualitario”, 23 de setembro “ Día internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas”, 15 de outubro “Día Internacional das Mulleres Rurais, 21 de outubro “Rodas de Homes contra a Violencia. O silencio fainos cómplices”, 25 de novembro “Día Internacional da Non Violencia contra a Muller”.
“Semana da Non Violencia” (Outubro - Novembro)
Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata”.
Concurso de “Carteis contra a Violencia de Xénero”
Foro social contra a violencia de xénero.
Foro-debate en Radio-Lalín sobre violencia de xénero coa intervención de representantes de diferentes ámbitos de intervención: social, xudicial, policial, sanitario...
Exposicións
Campañas de concienciación co deporte contra a violencia de xénero.
Concentracións contra a violencia de xénero.
“Educando en igualdade, constrúese igualdade”, actividades lúdicas infanto-xuvenís contra a violencia de xénero
Atención a vítimas de Violencia de Xénero (información, asesoramento, acompañamento) Participación na “Mesa de coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero do Concello de Lalín”. Trátase dun espazo de debate, reflexión e formación co obxectivo de establecer unha coordinación interprofesional e entre administracións involucradas na prevención e erradicación da violencia de xénero.
Programa “Coeducando que é xerundio”, dirixido fundamentalmente a alumnado de Educación Infantil e Primaria e as ANPAS (Asociacións de Nais e Pais).
Programa “Observadores/as contra a violencia” dirixido á comunidade educativa dos Institutos de Educación secundaria (IES).
Conciliación
Deseño e coordinación do servizo Espazo Infantil Aberto, dirixido a menores de entre 3 e 12 anos, e que pretende facilitar a conciliación entre a vida familiar, laboral e persoal en horario extraescolar e períodos vacacionais. Este servizo está validado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia como Medida Municipal de Conciliación de Promoción Autonómica
Participación no Proxecto de conciliación Infobalance, sendo Lalín un dos 6 Concellos seleccionados de todo España para participar no proxecto e nun viaxe a Oslo para o intercambio de experiencias e boas prácticas.
Creación e posta en marcha do Banco do Tempo de Lalín e do Plan de Programación do Tempo de Lalín.
Coordinación de publicacións
“Dillo a quen maltrata” 2004, 2005, 2006, 2007, 2008.
“Patróns educativos para a igualdade de oportunidades:axentes de socialización”. Mª José Méndez Lois e Mª Jesús Payo Negro (coords.). USC-Concello de Lalín. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2007 – 286 p. (Informes e propostas/ Instituto de Ciencias da Educación; 19). ISBN 978-84-9750-805-6.
“Convivencia e igualdade: dimensións e retos educativos”. Mª José Méndez Lois e Mª Jesús Payo Negro (coords.). USC-Concello de Lalín. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2008 – 255 p. (Informes e propostas/ Instituto de Ciencias da Educación; 21). ISBN 978-84-9887-013-8.
“Emprego e igualdade: propostas socieducativas”. Mª José Méndez Lois e Mª Jesús Payo Negro (coords.). USC-Concello de Lalín. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2009 – 232 p. (Informes e propostas/ Instituto de Ciencias da Educación; 25). ISBN 978-84-9887-142-5.
“Respostas socioeducativas para a igualdade na escola”. Mª José Méndez Lois e Mª Jesús Payo Negro (coords.). USC-Concello de Lalín. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2011 – 214 p. (Informes e propostas/ Instituto de Ciencias da Educación; 27). ISBN 978-84-9887-709-0.
“Igualdade de trato: retos e respostas socioeducativas”. Mª José Méndez Lois e Celso Taboada Lorenzo (coords.). USC-Concello de Lalín. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2012 – 320 p. (Informes e propostas/ Instituto de Ciencias da Educación; 28). ISBN 978-84-9887-922-3.
Recursos bibliográficos con temáticas referidas á igualdade de oportunidades e de xénero postos a disposición do público.
Colaboración coas universidades
Colaboración coa USC, Uvigo e UNED Pontevedra para a realización do practicum do alumnado de Facultade de Ciencias da Educación, Educación Social, Socioloxía,...
Novas tecnoloxías e redes sociais
web: www.lalin.org/igualdade
web: IgualNet (en construción)
Facebook: Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0
Twitter: @eigualdad
CALES SON OS SEUS PRINCIPIOS ?
A importancia do desenvolvemento lexislativo en materia de igualdade radica no seu propio concepto, xa que a nosa sociedade inclúe a igualdade como un dos seus principios reitores e un dos nosos dereitos básicos.
Pola súa parte, esta mesma sociedade non conseguiu integrar na súa realidade cotiá ese principio xurídico e seguimos contemplando situacións de desigualdade e discriminación constantes, especialmente por razón de xénero.
O artigo 14 da Constitución Española sinala que "As persoas españolas son iguais ante a Lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social". No ano 1978, este artigo supuxo un avance e unha novidade na nosa historia política, xa que moi poucos anos antes seguían en vigor leis que vetaban ou limitaban o acceso das mulleres ao mundo laboral, ao exercicio de determinadas actividades ou que simplemente indicaban que de maneira preferente estas debían permanecer ao coidado da familia e do fogar.
Este importante paso dado pola Constitución vén reforzado por un movemento internacional en favor da igualdade efectiva de homes e mulleres baixo o paraugas da ONU a través das Conferencias Internacionais sobre a Muller, e moi especialmente a realizada en 1995 en Pekín onde 189 gobernos, entre eles o español, acordaron eliminar os obstáculos á participación da muller en todas as esferas da vida pública e privada.
Ese compromiso estivo validado por multitude de accións de carácter positivo para equiparar a dignidade de ambos, mulleres e homes, a igualdade en dereitos e obrigacións.
Debemos mencionar tamén o artigo 9.2 onde se indica que “Corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social”. Polo que corresponde que os poderes públicos teñamos non só a intención, senón tamén a obrigación de asumir esa responsabilidade.
Tendo isto en conta, sinalamos a continuación os principais desenvolvementos lexislativos que existen en España e Galicia relacionados coa igualdade e a violencia de xénero, así como no ámbito internacional.
GALICIA:
Estatuto de Autonomía para Galicia. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril (B.O.E. 28/04/1981) Artigo 4.2
Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Publicada no DOG nº72 do 13 de abril de 2007
Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Publicada no DOG nº147 do 3 de agosto de 2004
Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Publicada no DOG nº152 do 7 de agosto de 2007
Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación. Publicado no DOG nº142 do 26 de xullo de 2012
ESPAÑA:
Constitución Española (B.O.E. 29/12/1978) Artigo 14
Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.
Lei 39/1999, de 5 de novembro, para promovela conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras
INTERNACIONAL:
ONU: Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Contra a Muller.
UNIÓN EUROPEA: Estratexia para a igualdade entre mulleres e homes 2010-2015.
UNIÓN EUROPEA: Un compromiso reforzado en favor da igualdade entre mulleres e homes: unha Carta da Muller.
UNIÓN EUROPEA Regulamento (CE) nº 1922/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, de 20 de decembro de 2006, polo que se crea un Instituto Europeo da Igualdade de Xénero [Diario Oficial L 403 de 30.12.2006].