Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
ESTA SEMANA DAN COMEZO AS ACTIVIDADES DE ATEGAL EN LALÍN
  • Carmen Canda remarca a importancia de fomentar as aprendizaxes de novos coñecementos, estimular o ocio e a participación no entorno comunitario e o fomento do envellecemento activo.

 

  • Ao longo destes días inícianse as actividades das Aulas Sénior de Lalín: pintura ao óleo, acuarela, informática, Historia da arte e saídas culturais, estimulación cognitiva e inglés

 

A concelleira de Política Social, Carmen Canda, anuncia o comezo ao longo desta semana das actividades de Ategal, con pintura ao óleo, acuarela, informática, historia da arte e saídas culturais, estimulación cognitiva e inglés.

As clases de pintura ao óleo e acuarela, que comezaron hoxe, e que visitou a responsable municipal, son impartidas todos os martes de 10:00 a 11:30 e de 11:45 a 13:15 no Espazo Activo de Lalín (local da antiga radio local); Historia da Arte e saídas culturais tamén os martes de 17:30 a 19:00 na Aula do Lalín Arena -inicio hoxe-; os mércores de 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30 impártense clases de informática coas modalidades de iniciación e avanzado na Aula Cemit; estimulación cognitiva os xoves con dous grupos, de 16:00 a 17:30 e de 17:30 a 19:00; e inglés, coa novidade de dous grupos diferenciados de iniciación e avanzado, todos os venres de 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30. Todas darán comezo esta semana.

Estas actividades teñen por finalidade espremer todo o potencial físico, mental e social ao máximo e preténdese fomentar a participación activa de todos/as lalinenses no entorno máis próximo, de acordo coas súas necesidades individuais, desexos, habilidades e posibilidades. Como o seu propio nome o indica, axudan a envellecer de forma máis activa, mellorando a saúde e creando espazos que nacen como instrumento normalizador e facilitador da activación social, mediante o deseño de actuacións orientadas a desenvolver habilidades sociais e socialización, aprendizaxe das técnicas levadas a cabo nas aulas para logo poder levar eses aprendizaxes ás nosas casas, fomenta a saúde, a autonomía persoal e a independencia das persoas maiores entre outras cousas.

O Concello persegue que a poboación desenvolva de forma individual e colectiva as capacidades a través de actividades físicas, como a actividade de musicoterapia ou o Programa “Lalín Activa” desenvolto en diferentes parroquias do Concello, e actividades intelectuais, dotando ás persoas dunha mellora na calidade de vida e saúde e tratando de favorecer a súa independencia, facilitarlles poder optar a novos coñecementos e habilidades, descubrir novas afeccións, acercarse aos avances tecnolóxicos, etc.

As persoas que desexen información sobre as actividades poderán chamar ao departamento de Servizos Sociais do Concello ao teléfono 986780014 en horario de 8:00 a 15:00.

km0