Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
BEATRIZ CANDA DESTACA O CONSTANTE CRECEMENTO NO NÚMERO DE USUARIOS DAS ACTIVIDADES GRATUÍTAS DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA DE “LALÍN VERDE”

A concelleira de Emprego fai fincapé en que o horario para participar nelas é flexible, cada persoa pode asistir o tempo que queira ás clases e adaptables ao perfil dos usuarios

 

Anima á participación para que proben un día e vexan o que se está facendo nestas actividades que teñen como único requisito participar e divertirse

 

A sección sociosanitaria do obradoiro “Lalín Verde” leva desde mediados de xuño realizando unha gran variedade de actividades lúdicas (xerontoximnasia, psicomotricidade, taller de debate, estimulación cognitiva...) en dez centros sociais de diferentes parroquias do Concello (Santiso, Prado, Cercio, Muimenta, Botos, Donramiro, A Xesta, Soutolongo, Goiás e Lalín de Arriba), afirma a concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez que subliña que “contamos con máis dun cento de usuarios e temos un constante crecemento do número de persoas beneficiarias”.

 

Canda fai fincapé en que se “trata de actividades que están abertas a todas as persoas maiores do Concello” ao tempo que recalca que “son actividades gratuítas para as que non é necesario estar inscrito nin anotarse; tan só hai que acudir ao centro social o día que corresponde”.

 

Luns: Prado e Santiso

Martes: Cercio e Muimenta

Mércores: Botos e Donramiro

Xoves: A Xesta e Soutolongo

Venres: Goiás e Lalín de Arriba

 

A responsable de Emprego subliña que “o horario é totalmente flexible, é dicir, pódese asistir ás horas que se queiran dentro do horario de funcionamento que é de 9 a 13 horas”. “Por poñer un exemplo, pódese chegar ás 9.30 e marchar ás 11 ou chegar as 10.30 e agardar ata ao final, en resumo, o horario é o que a persoa usuaria poida ou se sinta cómoda”.

 

Beatriz Canda indica “que as actividades que se realizan en cada centro son diferentes, ao estar adaptadas á tipoloxía dos usuarios e ás súas preferencias” e anima “a participar a todo o mundo para que proben un día e vexan o que se está facendo nestas clases”. Pola súa parte, o director do obradoiro comenta que só hai un único requisito “ganas de divertirse e participar”.

 

Ampliación do prazo de solicitude do programa de prácticas de acompañamento

Por outra parte, sinala que se vén de ampliar nunha semana contada desde hoxe sábado (BOPPO de onte venres, 9 de agosto) o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro do programa de prácticas profesionais de acompañamento e respiro familiar que impartirá proximamente o alumnado do obradoiro “Lalín Verde”.

 

As persoas interesadas en solicitar este programa poden anotarse a través dos pedáneos das parroquias ou chamando á dirección do obradoiro 663 613 512. Esta formación práctica tamén terá continuidade ata finais de novembro.

Documentos
km0