A gran cita lalinense para o sector desenvolverase o 7, 8 e 9 de xuño no Lalín Arena
O concelleiro de Agricultura, Marcos Mariño, convida a veciños e visitantes a participar neste certame de referencia para o sector no que haberá concursos, exposicións, poxa e unha festa do agro na noite do sábado, con música en directo, rodo americano e aperitivos para os asistentes
???????
O concelleiro de Agricultura, Marcos Mariño, sinala que “atopámonos ultimando os últimos preparativos de cara á celebración esta fin de semana da 39ª edición de Feiradeza, Open Internacional da raza Frisoa, certame de referencia para o sector no que contaremos coa presenza dun total dunhas 200 cabezas de gando vacún, das mellores cabanas de Galicia (un total de 22), entre os concursos, a poxa e a exposición da raza limusina, que facemos por primeira vez nesta edición”.
Mariño convida a veciños e visitantes a participar nunha edición que se desenvolverá os próximos 7, 8 e 9 de xuño no Lalín Arena “na que haberá importantes novidades como a celebración da I FestaDeza, unha festa do agro que celebraremos a partir das 21 horas da noite do sábado con música en directo a cargo do Grupo Azar, rodo americano no que poderán participar todas as persoas que o desexen e aperitivos, xentileza de Xenética Fontao, para os asistentes”. “Tamén teremos -como dixen anteriormente- unha exposición sobre a raza limusina ou 600 euros en premios no concurso de manexo de tractores por cortesía de Maxideza”, subliña.
“Así mesmo durante as tres xornadas do certame contarase cun espazo expositivo de máis de 100 m disposto ao longo da Avenida Xosé Cuiña (que se cortará desde as 8 horas da mañá do sábado 8 de xuño ata a finalización de Feiradeza o domingo pola tarde), unha mostra que contará coa presenza dos concesionarios lalinenses de maquinaria agrícola (Talleres Jomabe, Hermanos Toimil, Blanco y Oro, Maxideza e TLM Maquinaria), cunha exposición de tractores clásicos ademais de haber outros postos con material diverso”, precisa. “No interior do Arena haberá stands expositivos da empresas punteiras do sector”, concreta.
O edil indica que “Feiradeza iniciarase o venres 7 coa entrada do gando ao recinto que se fará de forma progresiva ao longo da xornada para a verificación da documentación e aloxamento no recinto”. “O máis destacable da xornada será o XXIX Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando, que se desenvolverá a entre as cinco e as sete da tarde, organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia”. A apertura oficial da Feira terá lugar ás 19 horas.
Marcos Mariño explica que “o sábado a xornada iniciarase ás dez da mañá cun concurso de xatas e xovencas e a primeira hora da tarde (desde as 16 horas) terá lugar o concurso de manexo de tractores (600 euros en premios) que se desenvolverá na Avenida Xosé Cuiña”. “Animamos á xente á participar realizando inscrición previa (chamando ao 667918936) ou podéndose inscribir no mesmo momento”, afirma.
“A xornada sabatina continuará coa exposición da raza limusina a partir das seis da tarde e co concurso de vacas de leite e campioas a partir das sete”, sinala. “Xa a partir das 21 horas terá lugar a gran festa do agro coas novidades e actividades indicadas anteriormente”, fai fincapé.
“A xornada do domingo abrirase a partir das once da mañá co XLI Concurso de Novos Manexadores, organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, e a partir das 11.45 dará comezo a XVI poxa de gando frisón”. “Cómpre destacar que se poxarán máis de 20 animais de alta calidade a un prezo de saída inferior a 2.000 euros e que non será necesario preinscrición para puxar”. “A partir das 13.30-14 horas terá lugar a entrega de premios e os correspondentes sorteos dunha becerra e dunha xovenca, ou de 500 ou 1.000 euros, respectivamente, antes da clausura”, concreta.
Mariño agradece a Africor Pontevedra a súa implicación na organización, así como a colaboración económica da Xunta e da Deputación de Pontevedra, ao tempo que anima á xente a que se achegue durante o 7, 8 e 9 de xuño a visitar unha Feiradeza que vén con novidades.