Águeda Cernadas, Alejandra Barco e Marta Castro álzanse co galardón ao mellor traballo académico dedicado á gastronomía que conta cunha documentación e unha pluralidade moi ampla de información.
Entregaranse ambos recoñecementos na Gala da Gastronomía que será retransmitida pola TVG desde o Lalín Arena o 10 de febreiro
O periodista Manuel Villanueva fíxose por unanimidade do xurado co XXIX Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, promovido polo Concello de Lalín en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, coas asociacións gastronómicas galegas e coa Axencia Turismo de Galicia (Xunta de Galicia) e recoñecido como o premio gastronómico máis importante do Estado. Villanueva foi elixido polo seu traballo xornalístico gastronómico “Breve historia de un cocido gallego en Madrid” por considerarse moi literario, recollendo palabras con fondo e forma que saben a cocido, aos 17 ingredentes de Cunqueiro e a conto do avó ben traído por un xornalista que esculpe palabras que saben a bo xornalismo, a oficio de vocación antiga, do pracer que se acosta nas mesas da luxuria gástrica e se acompaña de produto, amizade e historia. Escribir é dixerir palabras e desgustalas ca orde que impón a vida, a experiencia, a cultura e as gañas de contar. Eso é Galicia”, segundo argumenta o xurado.
Breve historia de un cocido gallego en Madrid foi elixido entre os 23 traballos (19 presentados por profesionais do sector da comunicación e 4 traballos académicos) que concorreron a esta candidatura en todas as categorías (libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía, traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións, páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou traballos gráficos publicados en medios de comunicación).
Así o acordaron os integrantes do xurado na súa deliberación que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Lalín. Un xurado, presidido polo alcalde de Lalín, que estivo integrado por destacados xornalistas como Martín Fernández Vizoso, Alberto Barciela, Xosé Manuel Merelles Remy (en representación da Axencia Turismo de Galicia), Belén Xestal, así como a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, e o anterior decano, Xosé Ramón Pousa.
Rodríguez Vázquez e Pousa encargáronse de avaliar e valorar os traballos académicos presentados por alumnado de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional, galardón dotado con 1.000 € co que se alzou o grupo conformado por Águeda Cernadas, Alejandra Barco e Marta Castro.
O proxecto académico “A semente da cidade” foi escollido como mellor traballo académico polo seu amplo contido visual, pluralidade de fontes, utilización de ferramentas multimedia empregadas e o traballo de documentación realizado para acometer este soporte informativo.
A maiores o xurado quixo outorgar unha mención especial ao libro “Las mil y una recetas del Palacete de Las Mendoza (María y Concha Mendoza Babiano” de Ángel Arcay Barral polo exquisito gusto no tratamento da información e o acompañamento e encadre histórico das receitas. Publicación na que colaboran Ana Vega, Jorge Guitián, Ricardo Fernández e Ernesto Vázquez Rey.
Ambos premios entregaranse o venres 10 de febreiro na Gala de Gastronomía de Galicia que será retransmitida pola TVG desde o Lalín Arena.