Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
CRESPO AVOGA POR POTENCIAR A CAPTACIÓN DE TURISTAS ESTRANXEIROS MEDIANTE A PROMOCIÓN CONXUNTA DAS FESTAS INTERNACIONAIS GALEGAS E SUMANDO FESTAS DOUTRAS REXIÓNS

Presentou en Fitur a Feira do Cocido xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que considerou “moi interesante” a proposta do alcalde de Lalín

Remarca que o traballo deste “lobbie gastronómico primeiro a nivel galego e logo a nivel nacional permitirá acercar diferentes ideas e formar un grupo moi preparado e forte”

Na presentación estiveron presentes o alcalde de Cambados, representación do Carballiño, a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Sostibilidade Turística do Ministerio e o alcalde de Arbo

O alcalde de Lalín, José Crespo, estivo no día de hoxe presentando a Feira do Cocido en Fitur xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Tomaron tamén parte no acto o alcalde de Cambados, Samuel Lago, en representación da Feira do Viño Albariño; o concelleiro do Carballiño, Manuel Dacal, representando a Festa do Polbo do Carballiño, a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Sostibilidade Turística do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Ana Muñoz Llabrés, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil, en representación da Festa da Lamprea.

Crespo comezou a súa intervención destacando “a simbiose existente entre Lalín e a Feira do Cocido desde hai 55 anos, da que podemos dicir con total firmeza que é un emblema e imaxe de marca que temos levado polo mundo adiante”. Incidiu na na aposta que “levamos facendo para consolidar o turismo como ferramenta de primeiro nivel”. Así, afirmou, “o Mes do Cocido pasou a ser un trimestre e agora un semestre”. “Conseguimos desestacionalizar o cocido e agora xa se pode comer todo o ano”, remarcou.

Explicou aos asistentes que “en cada edición da Feira do Cocido poñémoslle un novo aderezo; a pasada edición foi a Feira Internacional de Apicultura de Lalín, que este ano repetimos dado o seu éxito”. Avanzou que “este ano a novidade é a Feira de Artesanía Alimentaria, que celebraremos despois do Cocido para aproveitar o fluxo de visitantes e dar a coñecer outros dos produtos que non teñen o nome popular do cocido pero que goza de igual calidade”.

O rexedor fixo especial fincapé en que “a gastronomía galega está de moda e en auxe, por iso xa hai un ano empecei a poñerme en contacto cos alcaldes das outras tres festas gastronómicas galegas máis destacadas e coñecidas a nivel nacional para crear un lobbie gastronómico con eles para traballar en conxunto a difusión, promoción e a creación de actividades conxuntas que nos permita reforzarnos e aproveitar a uns as fortalezas dos outros”.

Hoxe en día a Feira do Cocido, a Festa do Polbo do Carballiño e a Festa da Lamprea teñen fama suficiente, potencialidade e experiencia organizativa para dar un salto de calidade conxunto que nos permita configurarnos como un todo nun destino turístico especial e máis apetecible aínda”, subliñou.

Neste sentido salientou que “á parte desta experiencia gastronómica, gustaríame que as estas festas gastronómicas puidéramos facer promoción conxunta non só fóra de Galicia senón tamén fóra de España para que Galicia sexa un destino obrigado, non só de verán senón tamén de inverno”. Deste xeito remarcou que se trata “dun grupo de influencia que terá unha primeira fase galega pero tentará sumar outras feiras e festas gastronómicas de diferentes comunidades autónomas para potenciar a captación do turista internacional”.

Finalmente agradeceu a Nava Castro “que nos vai apoiar nesta iniciativa” e a Turismo de Galicia por “permitirnos volver a mostrar ao mundo a Feira do Cocido de Lalín e a gastronomía lalinense”. Rematou invitando aos presentes á Feira del Cocido o 12 de febreiro.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, que interviu tras Crespo, estivo moi de acordo coa idea do alcalde de Lalín e mencionou que “é moi interesante a idea de crear este grupo de influencia xa que o futuro das feiras de interese gastronómico internacional deberían de camiñar nesta liña.”

km0