Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
DESDE MAÑÁ E ATA O 22 DE DECEMBRO ESTARÁ ABERTA A PARTICIPACIÓN NO II CONCURSO DE NADAL PARA A DECORACIÓN DE BALCÓNS E XANELAS

O certame repartirá 1.800 € en premios: haberá un único premio de 500 € para a mellor vivenda do rural e 6 premios de entre 500 € e 100 € para balcóns e xanelas do casco urbano

Para poder concursar hai que presentar a correspondente ficha de inscrición e fotografía do balcón e/ou xanela en forma e prazo no Rexistro do Concello de 8 a 15 h ou no correo electrónico concursobalcons@lalin.gal, acompañado de fotocopia do DNI

As bases estarán a disposición das persoas interesadas nas Oficinas Xerais do Concello de Lalín e na páxina web www.lalin.gal

Karen Fernández salienta que con esta iniciativa municipal preténdese xerar dinamización entre a veciñanza incentivando a súa participación na decoración das vivendas apoiando e impregnando de festividade a vila

“A decoración deberá ter como motivo, exclusivamente, o Nadal e estará exposta, como mínimo, desde o 10 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2023 (ambos inclusive)”, precisa

Mañá ábrese o prazo para poder participar no “II Concurso de Nadal para decoración de balcóns e xanelas” promovido polo Concello, a través da Concellería de Comercio, e que reparte 1.800 € en premios. Así o sinala a concelleira delegada, Karen Fernández, que remarca que “este prazo se manterá aberto ata o 22 de decembro, inclusive, de acordo ás bases publicadas hoxe no BOPPO, que estarán a disposición das persoas interesadas nas Oficinas Xerais do Concello e na páxina web www.lalin.gal”.

Karen Fernández explica que “para poder concursar hai que presentar a correspondente ficha de inscrición e fotografía do balcón e/ou xanela en forma e prazo no Rexistro do Concello de 8 a 15 h ou no correo electrónico concursobalcons@lalin.gal, acompañado de fotocopia do DNI”.

Remarca que “a decoración deberá ter como motivo, exclusivamente, o Nadal e estará exposta, como mínimo, desde o 10 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2023 (ambos inclusive)”.

A edil subliña que “este certame ten como obxectivo incentivar a participación cidadá na decoración de luces e adornos de nadal en balcóns e xanelas dos inmobles situados no Concello de Lalín, co gallo de contribuír ao ambiente festivo nas rúas de Lalín ademais de promover e incentivar a creatividade da veciñanza do municipio”.

En canto aos participantes, Fernández destaca que “poderá participar calquera persoa ou entidade propietaria ou arrendataria dunha vivenda situada no Concello de Lalín, con balcón e/ou xanela con vistas á vía pública, que reúnan as condicións necesarias para a súa decoración sempre e cando non supoña perigo algún para a súa integridade e a das persoas viandantes e que o soliciten formalmente dentro do prazo establecidos nas presentes bases”. “Cada vivenda poderá presentar unha solicitude de participación, independente dos balcóns e/ou xanelas que estean adornados e quedan excluídas deste concurso os balcóns dos edificios de titularidade pública, empresas e oficinas”, precisa.

Distribución dos premios

En canto aos premios que se proporcionarán, a concelleira indica que “estarán compostos por un total de 1.800 € divididos en dúas categorías, unha parte constará de 6 premios de 500, 300, 200 e tres de 100 euros para balcóns e xanelas do casco urbano da vila, e un único premio de 500 € á mellor vivenda do rural”. “

Ademais, Karen Fernández avanza que “o xurado que ditaminará os premiados, estará composto por 1 representante da Asociación de Empresarios de DEZA, 1 representante da Asociación de Comerciantes, 1 membro do Padroado Cultural, 2 representantes da prensa e 1 persoa de recoñecemento no Concello”.

Para a valoración dos balcóns e xanelas, terase en conta os seguintes criterios: a creación artística (4 puntos), a orixinalidade (3 puntos), que os adornos de Nadal estean feitos con material de refugallo (3 puntos), máis me gusta en redes sociais (3 puntos) e presentación en xeral (2 puntos)”, afirma.

Aclara que “para a obtención de puntos en redes sociais deben subir as imaxes dos balcóns e/ou xanelas ao cancelo: #concursobalconslalin. Non se poderá facer mención a nomes de marcas, empresas comerciais nin intereses particulares”.

Tamén e de acordo ás bases publicadas, o xurado poderá declarar desertos os premios que estime convenientes. O fallo do xurado recollerase nunha acta que será levada á Xunta de Goberno Local para a aprobación da concesión dos premios, que se fará pública na web do Concello de Lalín. A decisión do xurado tamén se dará a coñecer a través da prensa e redes sociais municipais.

A entrega dos premios terá lugar nun acto público, a data e o lugar de celebración será previamente comunicado aos participantes.

km0