Souto indica que se reeditou este proxecto polo empeño do Concello en promover a actividade física e o benestar da veciñanza
Dado o éxito que tivo este programa o pasado ano, aumentáronse os centros de actividade
O alcalde de Lalín José Crespo xunto co concelleiro de Deportes Avelino Souto presentaron a nova edición da ximnasia no rural. Segundo destacou Souto, “Nesta ocasión, os lugares de desenvolvemento da actividade son 18, aumentándose esta oportunidade da práctica de exercicio en máis parroquias con respecto ao ano pasado. Así mesmo e ao non estar en pandemia, o número de prazas aumentará”.
Xa entrando en detalles, o concelleiro explicou que “as clases comezarán o luns 17 e rematarán en Xuño. Terán lugar os luns e xoves, ás 10 horas en Vilatuxe e Goiás, ás 11:00 horas en Barcia e A Xesta, ás 12:00 horas en Gresande e Catasós, e pola tarde ás 17:00 horas en Soutolongo e Cercio, e ás 18:00 horas en Botos e Muimenta. Xa os martes e venres, ás 10:00 horas impartiranse en Madriñán e Bermés, ás 11:00 horas en Noceda e Fontecabalos, ás 12:00 en Donramiro e Sello, e ás 17:30 horas en Filgueira e Prado. En calquera caso, os horarios e días dispoñibles pódense consultar no cartel e nos flyers que facilitamos. Para inscribirse na actividade, pódese facer contactando co número de teléfono 986 78 70 60".
Souto destacou que “todos os que xa eran usuarios o ano pasado están inscritos de xeito automático, e simplemente terán que asistir cando lles corresponda e no horario no que lles toque. Tamén se mandarán mensaxes cos horarios e lugares”.
Con esta acción, o alcalde indicou que “seguimos apostando forte por ofrecer opcións de actividades que benefician a saúde e o benestar da veciñanza, sendo alternativas de ocio activo, que ademais fomentan os lazos entre a comunidade. Polo tanto animamos ás persoas interesadas en acudir a este programa de Ximnasia no Rural, no que a maiores temos a constancia de que remata sendo un momento de lecer”. Crespo quixo facer mención á axenda urbana “xa que nela está reflectido o revivir o rural. Entre elas, está esta actividade a cal axuda a que o rural siga medrando en servizos”.
Finalmente, o edil indicou que “para poder darlle continuidade a este programa, execútase con fondos propios, estando subvencionado na súa totalidade polo Concello de Lalín, e resultando así gratuíto para os usuarios”.