O profesor e catedrático emérito da USC, José Ángel Docobo, explica que esta eclipse solar vai ser a que inaugure unha xeira de eclipses solares que continuarán en 2026, 2027 e 2028. Por iso o conferenciante vai aproveitar a eclipse deste sábado para chamar a atención do que se vai poder ver nos vindeiros anos
O vindeiro xoves, 27 de marzo, ás 20 h, no Museo Municipal, terá lugar unha conferencia do profesor José Ángel Docobo que leva por título “A eclipse solar parcial deste sábado e a total de agosto de 2026”.
Docobo explica que o vindeiro sábado 29 de marzo vaise producir unha eclipse parcial de Sol que será visible desde o noreste de América, Océano Atlántico, Groenlandia, noroeste de África, case toda Europa, e na parte occidental de Rusia. En Galicia comezará ás 10h 43m, terá o seu máximo ás 11h 39m, e finalizará ás 12h 38m. Na nosa Comunidade no máximo da eclipse a Lúa vai ocultar un 42% do diámetro do Sol.
O profesor e catedrático emérito da USC, José Ángel Docobo, explica que esta eclipse solar vai ser a que inaugure unha xeira de eclipses solares que continuarán en 2026, 2027 e 2028. Por iso o conferenciante vai aproveitar a eclipse deste sábado para chamar a atención do que se vai poder ver nos vindeiros anos.
Especialmente chamativo vai ser o do 12 de agosto de 2026 que será total nunha franxa que atravesará a Península en diagonal dende Galicia e o Cantábrico ata o Mediterráneo. Nas comarcas do norte e leste de Galicia vaise ver como total cunha duración de máis dun minuto preto das 20:30 horas. Cidades como A Coruña, Ferrol ou Lugo desfrutarán da totalidade, tamén curiosamente en Valdeorras, comarca na que puido verse a última eclipse total de Sol na Península en 1912.
Ramón María Aller estaba daquela no Observatorio Ocharan de Castro Urdiales, tendo sacado unha foto do fenómeno que conservamos a día de hoxe.