A NEUROCIRURXIÁ ESPECIALISTA EN CIRURXÍA MINIMAMENTE INVASIVA DE COLUMNA, CIRURXÍA ENDOSCÓPICA, LUMBAR E CRANIAL, DOLORES VARELA COSTA, INTERVÉN NO II CICLO DE CONFERENCIAS SOBRE SAÚDE CUNHA CONFERENCIA SOBRE PATOLOXÍAS DEXENERATIVAS DE COLUMNA - Concello de Lalín - lalin.gal

Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A NEUROCIRURXIÁ ESPECIALISTA EN CIRURXÍA MINIMAMENTE INVASIVA DE COLUMNA, CIRURXÍA ENDOSCÓPICA, LUMBAR E CRANIAL, DOLORES VARELA COSTA, INTERVÉN NO II CICLO DE CONFERENCIAS SOBRE SAÚDE CUNHA CONFERENCIA SOBRE PATOLOXÍAS DEXENERATIVAS DE COLUMNA

De entrada libre, esta charla divulgativa desenvolverase o sábado, 5 de abril, ás 12 horas, no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero

A neurocirurxiá dezá, Dolores Varela Costa, especialista en cirurxía minimamente invasiva de columna, cirurxía endoscópica, lumbar e cranial, será a convidada, o sábado 5 de abril, dentro do II Ciclo de Conferencias sobre Saúde “COIDA(te). ESCOITA (te)” que promove o goberno lalinense a través da Concellería de Sanidade e Hábitos Saudables coordinada por Noelia Seijas, ciclo no que están a participar figuras de prestixio de distintas ramas do ámbito sanitario ofrecendo charlas divulgativas gratuítas á veciñanza sobre distintos aspectos vinculados á saúde que están a ter unha elevada acollida.

Dolores Varela Costa, natural de Agolada, que actualmente desenvolve a súa actividade profesional en Barcelona, ofrecerá unha conferencia titulada “Patoloxía dexenerativa de columna cervical e lumbar” o sábado, 5 de abril, ás 12 horas no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, de entrada libre para o público, como todas as deste ciclo.

Varela Costa que realizou unha estadía co equipo de Patoloxía de base de cranio no Hospital Mount Sinai de Nova Iorque e que se formou en Neurocirurxía no Hospital Universitario de Terrassa (2008-2013) posúe a Licenciatura de Medicina pola Universidade Autónoma de Barcelona, UD Hospital de Sant Pau (2007). É membro das Sociedades Española e Catalá de Neurocirurxía e tamén membro da Sociedade Española de Base de Cranio.

Na súa charla explicará como os motivos de consulta ao cirurxián de columna máis frecuentes son a lumbalxia e a ciática e como a maioría das veces son síntomas autolimitados debido a un sobreesforzo que non require tratamento. Explicará cando se debe consultar ao especialista, as patoloxías que causan estes síntomas, os tipos de tratamento médico e cirúrxico e as recomendacións para previr e/ou reducir a aparición destas patoloxías.

Deste xeito, coa conferencia de Dolores Varela Costa continúase a andaina iniciada o pasado ano nun primeiro ciclo de conferencias sanitarias que tiveron un excelente acollida desde o primeiro momento polo interese e a participación da veciñanza, e que se mantén en cada unha das conferencias.

Neste segundo ciclo de conferencias sobre saúde, xa tomaron parte o Dr. Ángel Carracedo e doutora Maruxa Zapata; a neurocirurxiá Dolores Varela será a terceira relatora deste ciclo que se pechará coa conferencia da doutora Ángela Torres Iglesias, do servizo de Psiquiatría CHUS-Sergas, catedrática de Psiquiatría de Medicina e Odontoloxía na USC, vicedecana de Intercambios, Calidade e Innovación educativa da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, cuxa data de celebración se concretará proximamente.

km0