A SALA LAXEIRO DO MUSEO MUNICIPAL RAMÓN Mª ALLER CONTA CON NOVAS VITRINAS CON MATERIAIS DEDICADOS A ALLER E A LAXEIRO - Concello de Lalín - lalin.gal

Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A SALA LAXEIRO DO MUSEO MUNICIPAL RAMÓN Mª ALLER CONTA CON NOVAS VITRINAS CON MATERIAIS DEDICADOS A ALLER E A LAXEIRO
  • Recollen os expositores unha escolma de xornais antigos que foi gardando Vidal Abascal, por ser el autor dos artigos ou por seren traballos sobre dous amigos lalinenses (Aller e Laxeiro) cos que mantivo unha fonda amizade, materiais que están orientados á súa utilización como recurso didáctico por parte dos alumnos/as dos centros educativos lalinenses, que son o público maioritario visitante do Museo

No Museo Municipal Ramón Mª Aller, concretamente na sala Laxeiro, veñen de ser renovadas dúas vitrinas con materiais seleccionados diversos, doados pola familia Vidal Costa (fillos de Enrique Vidal Abascal, Fillo Adoptivo de Lalín) fai tres anos ao Concello. Cómpre destacar que cada certo tempo os expositores dedicados a Ramón Mª Aller e ao pintor Laxeiro cambian os obxectos expostos (cartas, manuscritos, fotos, apuntamentos, debuxos...) e vanse mostrando outros compoñentes que forman parte dos fondos do arquivo do Museo.

A maior afluencia de público que visita cada mes o Museo son os alumnos/as dos centros educativos da Comarca de Deza. Por este motivo, escolléronse dar a coñecer os periódicos que ao longo da súa vida, o catedrático de Matemáticas, astrónomo e pintor, Enrique Vidal Abascal foi gardando, unhas veces porque el era o autor e outras porque eran artigos sobre dous amigos lalinenses cos que mantivo unha fonda amizade.

Esta exposición de prensa antiga supón a súa utilización como recurso didáctico para a aprendizaxe da historia de dous Fillos Predilectos de Lalín como Ramón Mª Aller e Laxeiro, partindo dos materiais doados pola familia do Fillo Adoptivo de Lalín Enrique Vidal Abascal. Analizando periódicos antigos o alumnado poderá establecer unha conexión do mundo actual co pasado, decatarse da importancia dos medios de comunicación escrita nunha época non moi lonxana, fomentar o hábito de lectura e mesmo facer unha análise crítica, comparando unha mesma noticia escrita por diferentes autores ou xornalistas. Terán ademais oportunidade de comparar formatos e maquetas. Estas vitrinas queren ser unha ventá aberta a acontecementos do pasado que forman parte do noso presente.

Vínculos estreitos de por vida

A Enrique Vidal Abascal uníao co científico Ramón Mª Aller unha fonda amizade porque fora o seu profesor particular antes de ingresar na universidade; Ramón Mª Aller foi seu alumno e mentor na carreira, e foron compañeiros na Universidade de Santiago e no Observatorio.

Tamén Enrique Vidal Abascal foi importante para Ramón Mª na decisión que tomou Aller Ulloa para levar os instrumentos do seu observatorio particular de Lalín ao observatorio da universidade compostelá. Semella que se axudaron mutuamente, sempre. Ambas familias compartiron as súas vidas como se fosen familia.

No que respecta á amizade de José Otero Abeledo, “Laxeiro” con Vidal Abascal mantivérona desde cativos. Ambos naceron no 1908 e compartiron a mesma admiración polo pai Aller, pero tamén estiveron unidos polo amor á arte, xa que os dous foron pintores na mesma época, aínda que con estilos ben diferenciados.

Vitrina dedicada a Laxeiro

Na vitrina dedicada ao pintor Laxeiro pódese contemplar a grande cantidade de artigos que escribiu Enrique Vidal sobre o pintor Laxeiro, nunha época en que ambos estaban expoñendo as súas obras por diversas galerías e centros oficiais de España e América. Abascal recollía toda a información e recensións doutros críticos e xornalistas, colaboradores cos medios galegos, da prensa madrileña e arxentina.

Recóllense así orixinais dos diarios La Noche do 12 de xullo de 1951; La Noche do 3 de maio de 1960; de Faro de Vigo cunha reflexión sobre “A mostra de pintura galega” escrita por Raimundo Patiño Mancebo; artigo de La Voz de Galicia do 24 de xuño de 1971 de autoría de Vidal Abascal; polas mesmas datas outro de Faro de Vigo tamén escrito por Vidal Abascal. Tamén no mesmo diario escribía sobre Laxeiro no ano 1962, José Ruibal, titulando un artigo así: “Laxeiro es un torrente de vida gallega, donde quiera que se encuentre”.

En El Correo Gallego hai varios artigos dos anos 1968 e 1977, todos escritos por Vidal Abascal, resaltando a “plenitude da Escola Galega de Pintura”. Nesta vitrina tamén se intercalan estes materiais xornalísticos con obras de fotos que Laxeiro enviaba dos seus cadros a Vidal Abascal.

Vitrina sobre a figura de Ramón Mª Aller

A vitrina de orixinais e recortes de periódicos sobre a figura do científico Aller é mais variada en canto aos autores dos artigos. Destacan varias colaboracións de Enrique Vidal Abascal con titulares como “Lalín, terra de homes que fan honor á amizade” ou “El ejemplo de vida”. Neste caso os xornais son El Pueblo Gallego, La Noche, El Ideal Gallego, El Correo Gallego e algúns exemplares de Faro de Vigo. Firman estes artigos xente de coñecido renome como Francisco Fernández del Riego, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro; Jesús Rey Alvite, Jesús Precedo Lafuente, Carlos Martínez Barbeito, Manuel Graña, Celestino Luís Crespo, Gustavo Pedro Fernández, entre outros.

*Datos recollidos pola traballadora do Museo, Cecilia Doporto

km0