“LALÍN CON ARTE” TRAE EXPOSICIÓNS DE EHLABA CARBALLO, “COLECTIVO DE BACABÚ”, NOLO SUÁREZ, DA ALGARABÍA, DA BIENAL LAXEIRO E DA RAGBA AO MUSEO MUNICIPAL - Concello de Lalín - lalin.gal

Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
“LALÍN CON ARTE” TRAE EXPOSICIÓNS DE EHLABA CARBALLO, “COLECTIVO DE BACABÚ”, NOLO SUÁREZ, DA ALGARABÍA, DA BIENAL LAXEIRO E DA RAGBA AO MUSEO MUNICIPAL

Neste centro expositivo tamén se pode ver a permanente de Laxeiro e a XIII EmporcARTE ata o vindeiro 31 de maio

 

 

  • No Pazo de Liñares están dispoñibles os seguintes recursos expositivos: colección A. Chaves do Museo Galego do Xoguete; colección do Museo Galego da Marioneta; Sala Joaquín Loriga; Sala Hilgen e exposición “Recuperando o pasado” do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico da Deputación de Pontevedra

Rematada a exposición “Arte en Tinta” (que se desenvolveu entre o 26 de xaneiro e o 14 de marzo) e permanecendo aberta a “XIII EmporcARTE” (ata o vindeiro 31 de marzo), Ehlaba Carballo de Dios será a próxima artista que contará cunha exposición no Museo Municipal Ramón Mª Alller ao alcance de lalinenses e visitantes desde o vindeiro venres 21 de marzo en que se inaugurará ás 20 horas e ata o 23 de maio. Así o anuncia a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que dá a coñecer os proxectos expositivos que haberá neste espazo municipal nos próximos meses dentro do programa municipal “Lalín con Arte”

EMET” (La verdad) será o título da mostra de Ehlaba Carballo de Dios, composta por 22 obras, resultado do estudo, a investigación e a aprendizaxe que a artista levou a cabo nos últimos anos sobre as letras hebreas e a árbore da vida.

Cómpre destacar que Ehlaba, que estudou Belas Artes en Pontevedra, ten participado en diversas edicións da EmporcARTE, a última na edición deste ano na que toma parte coa obra “11 porquiños”. Tamén realizou hai uns anos unha exposición no Museo titulada: “Unha porta do Rial”.

Esta pintora de Xunqueira de Espadanedo presenta unha mostra pictórica de 22 obras, resultado do estudo, a investigación e a aprendizaxe que a artista levou a cabo nos últimos anos sobre as letras hebreas e a árbore da vida. En cada unha das 22 obras de “EMET” figura unha letra hebrea; a árbore da vida e unha árbore pintada. O termo hebraico “EMET” significa, en palabras da artista: “o substancialmente real e auténtico, o consistentemente real e sen aparencia; e o definitivamente consecuente”. A mostra poderase ver ata o 23 de maio.

Begoña Blanco explica que tras a de Ehlaba recalará no Museo Municipal a mostra do “Colectivo de Bacabú” (Artistas de Lugo), que se poderá ver do 29 de maio ata o 24 de xullo, mentres que do 31 de xullo ata o 1 de setembro o protagonista será o pintor compostelán, Nolo Suárez, con “A través do ar”, e entre o 5 e o 30 de setembro desenvolverase a exposición da Algarabía. Xa no treito final de ano, entre os meses de outubro e novembro terá lugar a XVII Bienal Internacional Pintor Laxeiro e a exposición de gravados “Os traballos de Hércules” da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) no mes de decembro, con motivo do seu 175 aniversario.

A todas estas exposicións, subliña Blanco, hai que engadirlle a permanente sobre Laxeiro que está dispoñible na segunda planta do Museo Municipal.

Dentro de “Lalín con Arte” tamén se inclúen os recursos expositivos dispoñibles no Pazo de Liñares: a colección A. Chaves do Museo Galego do Xoguete; a colección do Museo Galego da Marioneta; a Sala Joaquín Loriga; a Sala Hilgen, e a exposición “Recuperando o pasado” do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxicos da Deputación de Pontevedra, remarca.

km0