A PROGRAMACIÓN MUNICIPAL “ENTRE BAMBALINAS” TRAE A LALÍN PEZAS TEATRAIS DESTACADAS DA ESCENOGRAFÍA GALEGA - Concello de Lalín - lalin.gal

Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A PROGRAMACIÓN MUNICIPAL “ENTRE BAMBALINAS” TRAE A LALÍN PEZAS TEATRAIS DESTACADAS DA ESCENOGRAFÍA GALEGA
  • #Influencers” de Negro López; “Fala, fala, falangueiras” de Matrioshka Teatro; “Cortello de amor”, de Amorodio Teatro; “Fagamos o humor” de Moc-Moc Produccións e “O que hai que ver”, de Fulano, mengano e citano son os espectáculos que se representarán desde o 25 de abril ao 30 de maio

Entre bambalinas Lalín 2025”, programación municipal de teatro, traerá a Lalín pezas destacadas da escenografía galega actual, enmarcadas na Rede Galega de Teatros e Auditorios. Así o dá a coñecer a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que indica que esta programación iniciarase o venres, 25 de abril, coa obra “#Influencers” a cargo de Negro López. Trátase dun espectáculo teatral que ofrece unha mirada cómica e reflexiva sobre a cultura que arrodea a creación de contidos nas redes sociais, tomándoa como un espello no que se reflicte a sociedade contemporánea. Un espectáculo no que se convida ao público a cuestionar a súa relación co mundo dixital, tratando temas como o impacto deste na saúde mental, a identidade e na autenticidade, a manipulación, a cultura da cancelación e a aceptación social.

O sábado, 3 de maio, ás 18 horas, no Salón Teatro, terá lugar “Fala, fala, falangueiras” de Matrioshka Teatro, compañía que destaca polas súas creacións en contacto directo co público e cun sutil sentido o humor.

Ás 21 horas e prezo de 5 euros

Todas as obras representaranse ás 21 horas no Salón Teatro (agás a de “Fala, fala, falangueiras” que é a 18 horas) e o prezo de entrada é de 5 euros. Estarán á venda na recepción do Concello de 8 a 15 horas de luns a venres e o propio día da función en taquilla.

Cortello de amor” de Amorodio Teatro terá lugar o venres, 9 de maio. Narra a historia de Jack e Rose, unha parella que rolda á trintena e que levan xuntos desde a adolescencia, van a un concerto d seu grupo favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica ao lado do seu piso. Despois dunha festa memorable, os membros do grupo non conseguen arrancar a súa furgoneta. Rose e Jack, fan incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite e durmir eles dous no rocho. Durante esa noite no rocho descobren que a súa paixón se reaviva nese pequeno espazo.

O venres, 23 de maio, será a función de “Fagamos o humor” de Moc-Moc Produccións. É un espectáculo de monólogos, clown, maxia cómica, animación musical. Unha gala do humor que reúne todo iso en escena grazas a diferentes artistas que deleitan ao público con gargalladas durante aprox. 80 minutos.

O que hai que ver” de Fulano, citano e megano pechará “Entre bambalinas” o venres, 30 de maio. É un espectáculo que amosa unha serie de historias nas que o espectador se sente protagonista e partícipe directo baixo un humor rebordante.

 

km0