- “EMET” é unha mostra composta por 22 obras, resultado do estudo, a investigación a aprendizaxe que a artista levou a cabo nos últimos anos sobre as letras hebreas e a árbore da vida
-
Será o venres 21 de marzo ás 20 horas e poderase visitar ata o 23 de maio
“EMET” (La verdad) é o título da exposición da artista, Ehlaba Carballo de Dios, que se inaugurará o vindeiro venres, 21 de marzo, ás 20 horas, no Museo Municipal Ramón Mª Aller, no marco da programación municipal “Lalín con Arte”. Cómpre destacar que Ehlaba, que estudou Belas Artes en Pontevedra, ten participado en diversas edicións da EmporcARTE, a última na edición deste ano na que toma parte coa obra 11 porquiños. Tamén realizou hai uns anos unha exposición no Museo titulada: “Unha porta do Rial”.
A pintora de Xunqueira de Espadanedo presenta unha mostra pictórica de 22 obras, resultado do estudo, a investigación e a aprendizaxe que a artista levou a cabo nos últimos anos sobre as letras hebreas e a árbore da vida. En cada unha das 22 obras de “EMET” figura unha letra hebrea; a árbore da vida e unha árbore pintada. O termo hebraico “EMET” significa, en palabras da artista: “o substancialmente real e auténtico, o consistentemente real e sen aparencia; e o definitivamente consecuente”. A mostra poderase ver ata o 23 de maio.
Ehlaba Carballo de Dios (Xunqueira de Espadanedo, Ourense, 1960) ten presentado as súas obras en galerías de Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Barcelona, Pontevedra, Madrid, Portugal, Madrid, Portugal ou París, etc. Así mesmo ten levado proxectos expositivos en salas e museos como o Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, Museo Ramón Mª Aller, Museo Interactivo da Historia de Lugo, Castillo de Maceda, Museo taller de olería de Niñodaguia-Xunqueira de Espadanedo, Municipal Museum of Art-Kyoto, Museum of Art-Hiroshima e The National Art Center-Tokio-Xapón, Museo do Louvre-París e Museo das Américas de Miami, entre outros.
Así mesmo estivo presente en feiras internacionais como World Art Dubai, Carrusel do Museo Louvre ou ARTEXPO New York.
Son parte fundamental da súa obra a luz, a cor e a simboloxía plasmando un cosmos ordenado a través dos números e a xeometría onde as cores as formas e as formas simplifícanse chegando case á abstracción lineal.