- Tamén comezaron traballos de arranxos nos centros sociais e está previsto comezar a vindeira semana coa limpeza e retirada dos restos vexetais na totalidade do paseo, avanza a concelleira de Emprego, Beatriz Canda
A concelleira de Emprego, Beatriz Canda, sinala que o obradoiro Sámago, dedicado ás especialidades de albanelería e forestais, encara este mes de marzo o cuarto dos nove meses previstos. Indica que, como é habitual, os dous primeiros meses foron de formación teórica e complementaria, curso de riscos laborais, sensibilización ambiental, alfabetización informática, igualdade, á que se suma montaxe de andamios para o alumnado de albanelería.
Canda sinala que a sección de albanelería dedicou en febreiro o seu traballo a arranxos de acondicionamento das instalacións do pavillón, tanto interior como exteriormente: preparación de superficies, reparación de fendeduras, pintura tanto de paredes como de columnas, etc. no global das instalacións (entradas, vestiarios, ximnasio, paredes das dúas pistas, etc.). Así mesmo os alumnos desta sección xa comezaron o seu traballo nos centros sociais, de A Xesta en primeiro lugar, e continuarase nos vindeiros días por Moneixas, Donramiro e Donsión.
Pola súa parte, avanza Beatriz Canda, a sección de forestais xa tomou contacto co paseo do Pontiñas, realizando a primeira volta de desbroce e poda de todo o paseo. Este ano tamén se inclúe a zona do tanque de tormentas que non se podía facer anteriormente polas correspondentes obras. Anuncia que esta sección tamén ten previsto comezar a vindeira semana coa limpeza e retirada dos restos vexetais, principalmente árbores e pólas caídas, na totalidade do paseo.