“MONÓLOGOS LALÍN 2025” ACHEGA HUMOR E RETRANCA Á VECIÑANZA LALINENSE DA MAN DE ISI, LUCÍA VEIGA E MARITA MARTÍNEZ E PEPO SUEVOS - Concello de Lalín - lalin.gal

Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
“MONÓLOGOS LALÍN 2025” ACHEGA HUMOR E RETRANCA Á VECIÑANZA LALINENSE DA MAN DE ISI, LUCÍA VEIGA E MARITA MARTÍNEZ E PEPO SUEVOS
  • A concelleira de Cultura dá a coñecer este programa de monólogos que o Concello de Lalín desenvolverá ao longo do mes de abril
  • Xunto aos tres monólogos humorísticos súmase o de Marina Marroquí “Eso no es sexo”

A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, anuncia que o Concello de Lalín vai desenvolver ao longo do mes de abril “Monólogos Lalín 2025”, que achegarán humor e retranca á veciñanza da man de Isi, Lucía Veiga e Marita Martínez e Pepo Suevos, actuacións que se desenvolverán no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Serán en funcións que terán lugar ás 21 h no Salón Teatro de Lalín. O prezo da entrada para cada un destes tres monólogos é de 5 euros e estarán á venda na recepción do Concello de 8 a 15 horas de luns a venres e o propio día da función en taquilla.

Xunto aos anteriores súmase o monólogo da educadora social e especialista en violencia de xénero, Marina Marroquí, “Eso no es sexo”. Unha actividade organizada pola Oficina de Igualdade do Concello, financiada polos fondos do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero, que é gratuíta para o público. Marina Marroquí ofrecerá dúas funcións o 10 de abril: unha ás 11 no Salón Teatro para alumnado dos IES e outra ás 20 h dirixida ao público a partir de 14 anos. A entrada é de balde ata completar aforo. As inscricións en: igualdade@lalin.gal e 986 18 10 45. Marina Marroquí impartiu talleres de prevención e detección precoz da violencia de xénero en adolescentes a máis de 200.000 mozos e formou a profesionais do ámbito policial, xurídico, sanitario e educativo na detección e intervención con vítimas de violencia de xénero. Cre firmemente que a prevención, formación e sensibilización son o camiño para erradicar a violencia de xénero.

Monólogos Lalín 2025” abrirase o sábado, 5 de abril, co monólogo de Isi titulado “Isi! Ponte con monadas...” (5 euros); seguiralle o xoves 10 de abril o de Marina Marroquí, “Eso no es sexo” (gratuíto) ; o sábado 12 de abril “Parasimpáticas” de Lucía Veiga e Marita Martínez (5 euros) para finalizar o sábado 26 de abril co monólogo “Sobre rodas” (5 euros) de Pepo Suevos.

Isi! Ponte con monadas” protagonizada polo cómico José Manuel Rodríguez, máis coñecido como Isi, conta o curioso dato dunha familia con tres nais e un feixe de peculiares veciños. O instinto cómico de Isi permaneceu durante anos agochado no ámbito doméstico natal ata que un bo día gañou o televisivo concurso de chistes O Rei da Comedia. Desde entón, milleiros de espectadores gozan na televisión ou nos escenarios da arte de Isi para converter os momentos cotiás en memorables anécdotas coas que escachar coa risa. As historias sobre a súa particular familia con tres nais e sobre os seus históricos veciños e o falar rápido e nervioso son a súa especialidade, sen esquecerse dos seus chistes.

Parasimpáticas” é un espectáculo de teatro a cargo de Lucía Veiga e Marita Martínez. Un espectáculo no que as dúas actrices exploran as realidades do galego valéndose do humor e de técnicas de improvisación.

Sobre rodas”, monólogo a cargo de Pepo Suevos, showman e monologuista que utiliza na súa posta en escena un toque salvaxe, enérxico e incluso algo macarra ao servizo da risa do público. Hábil improvisador e cun repertorio no que toca todos os temas existentes, Pepo Suevos non deixa indiferente a ninguén nos seus espectáculos.

Os números en directo ou corpo a corpo son a súa especialidade, un formato co que xa se realizou case mil actuacións, polo que pode presumir de ser un dos artistas galegos máis curtidos experimentados.

km0