- Este programa de conferencias é promovido por segundo ano polo goberno a través da Concellería de Sanidade e tivo na súa primeira edición unha excelente acollida pola veciñanza que se agarda que continúe
- A concelleira Noelia Seijas anima á veciñanza a participar nas conferencias porque en todas elas se tratarán sobre aspectos de saúde de interese por parte de destacadas figuras de prestixio no ámbito sanitario
- A licenciada en Farmacia, diplomada en Nutrición Humana e Dietética e doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública, Dr. Maruxa Zapata Cachafeiro, continuará o luns 17 de marzo ás 18 horas, e tras a primeira charla ofrecida por Ángel Carracedo o 17 de xaneiro, o II Ciclo de Conferencias sobre Saúde “COIDA(te). ESCOITA (te)”, que promove o goberno a través da Concellería de Sanidade e Hábitos Saudables que dirixe Noelia Seijas, e no que participarán figuras de prestixio distintas ramas do ámbito sanitario. Deste xeito, continúase a andaina iniciada o pasado ano con esta serie de conferencias sanitarias que tiveron un elevado éxito polo interese e a participación da veciñanza.
Maruxa Zapata disertará sobre nutrición e alimentación. Contaranos como a gran maioría dos alimentos que hoxe podemos atopar nun supermercado son envasados e como a compra se está convertendo nunha actividade cada vez máis difícil e sobre todo se queremos que esta sexa saudable. A industria alimentaria ofrécenos infinidade de produtos, moitas veces moi similares entre eles, e formados por listaxes enormes de ingredientes. Aínda que a etiquetaxe nutricional está regulada, pode chegar a ser moi difícil comprendela. Nesta conferencia analizarase que información debe e pode constar na etiqueta dun alimento de acordo á normativa e exporanse as distintas formas que a industria alimentaria utiliza para que, moitas veces, nos formemos unha imaxe do seu produto mellor do que en realidade é.
Maruxa Zapata Cachafeiro é licenciada en Farmacia e Diplomada en Nutrición Humana e Dietética. Doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública. Ten exercido como farmacéutica comunitaria e nutricionista. Actualmente é profesora da Universidade de Santiago de Compostela, na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, onde tamén desenvolve a súa actividade investigadora, principalmente na liña de farmacoepidemioloxía.
Neste ciclo de conferencias sobre saúde, tomarán parte ademais do Dr. Ángel Carracedo e de Maruxa Zapata; a neurocirurxiá e especialista en Cirurxía minimamente invasiva de columna, cirurxía endoscópica lumbar e craneal, Dolores Varela que disertará sobre “Patoloxía dexenerativa de columna vertical e lumbar” o sábado 5 de abril ás 12 h e a doutora Ángela Torres Iglesias, do servizo de Psiquiatría CHUS-Sergas, catedrática de Psiquiatría de Medicina e Odontoloxía na USC, vicedecana de Intercambios, Calidade e Innovación educativa da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, o luns 28 de abril ás 19 horas.