- O obxectivo destes talleres experimentais é espertar na cativada a curiosidade pola arqueoloxía e o patrimonio, xerando vínculos que os leven ao coidado e ao respecto dos mesmos no futuro
- O venres 21 o Congreso comeza cunha actividade pensada para os rapaces/zas, cunha exposición de elementos chamativos e coa proxección da película infantil “Tadeo Jones III-La Tabla Esmeralda”
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, anuncia que o vindeiro luns 17 de marzo comezan os obradoiros de arqueoloxía experimental nos colexios e centros educativos lalinenses, que se desenvolverán ata o xoves 20 de marzo, ao abeiro do Congreso de Arqueoloxía de Deza (CADLalín2025) que terá lugar os días 21, 22 e 23 marzo no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero.
Nestes obradoiros de arqueoloxía experimental impartidos polo coordinador do Congreso, Víctor García, os nenos/as terán ocasión de ver de cerca como se facían as lanzas, as vasillas ou os utensilios de cociña, e descubrir que á parte dunha ciencia, a arqueoloxía pode ser divertida. É dicir, trátase de obradoiros de tipo interactivo que están orientados a que os/as alumnos/as poidan coñecer de primeira man os materiais arqueolóxicos a través do uso de pezas de reprodución.
Durante as actividades explicaráselle como se relacionan estes materias coa arqueoloxía e o seu papel dentro da tecnoloxía das sociedades as que pertencían no seu momento. Poderán ver tocar e interactuar con cerámicas, puntas de frecha, metais ou artigos de adorno persoais antigos, á vez que resolverán as súas dúbidas a través de preguntas. Deste xeito preténdese que nenos e nenas sintan curiosidade pola arqueoloxía e o patrimonio, xerando vínculos que os leven ao coidado e o respecto dos mesmos no futuro.
O cronograma destes obradoiros experimentais é o seguinte:
- Luns 17: CEIP Varela Buxán: de 12.30 a 13.30. 19 nenos/as de 5º e 6º
- Martes 18: CEIP Xoaquín Loriga: 9.40 h, 20 alumnos/a de 5º e 13 alumnos/as de 6º
- Mércores 19: CEIP Xesús Golmar: 9.45-10.45; 11.15-12.15 e 12.45-13.45. 3 clases de 25 alumnos/as aprox.
- Xoves 20: CEIP Manuel Rivero: 5º e 6º. De 12 a 13 un grupo e de 13 a 14 horas outro grupo.
Begoña Blanco recorda que o Congreso empeza precisamente o día 21 cunha actividade pensada para os rapaces, cunha exposición de elementos chamativos como son cuncas, ídolos, etc., feitos tal cal facían os nosos antepasados e cunha película de debuxos de Tadeo Jones, que sabemos que espertará neles a ilusión por aventurarse pólos achados arqueolóxicos, pero á parte cremos que traballar cos centros escolares pode ser un bo canal para que os mais novos teñan interese pola nosa historia.
60 persoas anotadas e continúa aberta a inscrición
Continúa aberta a matrícula no Congreso ao vindeiro luns 17 de marzo, inclusive. A día de hoxe hai 60 persoas inscritas. Para formalizar a inscrición pode facerse a través das canles establecidas nas redes sociais Facebook e Instagram, onde tamén se pode ver o programa de actividades, escribindo un correo electrónico a cadlalín2025@gmail.com ou ben chamar ou enviar un whasapp aos teléfonos 661117767 ou 676301699. O congreso está orientado de xeito principal a profesionais o estudantes do ámbito da arqueoloxía e/o a historia, pero pola súa temática tamén pode ser de interese para afeccionados ou técnicos de cultura e turismo.