O CONCELLO DE LALÍN DISTINGUIRÁ A CACHI VILLANUEVA COMO FILLO ADOPTIVO O 14 DE MARZO NUN ACTO NO QUE INTERVIRÁ PEDRO PIQUERAS - Concello de Lalín - lalin.gal

Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
O CONCELLO DE LALÍN DISTINGUIRÁ A CACHI VILLANUEVA COMO FILLO ADOPTIVO O 14 DE MARZO NUN ACTO NO QUE INTERVIRÁ PEDRO PIQUERAS

O recoñecemento é aberto a veciñanza e nel intervirán Pedro Piqueras, amigo persoal do homenaxeado, que fará a laudatio de Villanueva, o alcalde e o propio Villanueva

 

 

Terá lugar no vestíbulo do Concello ás 20 horas

 

Recoñecerase a Manuel Villanueva de Castro pola súa contribución á difusión da Feira do Cocido desde os seus cometidos de directivo cunha destacada traxectoria no ámbito televisivo, entre eles, director xeral de Contidos de Mediaset ata hai pouco

O próximo venres, 14 de marzo, a partir das 20.00 horas da tarde, terá lugar o acto de nomeamento de Manuel Villanueva de Castro (Cachi Villanueva) como Fillo Adoptivo de Lalín, no vestíbulo do Concello, en recoñecemento pola súa contribución á divulgación da Feira do Cocido desde o ano 2002 como comunicador e directivo cunha destacada traxectoria no ámbito televisivo na TVG, Antena 3 Televisión, Canal Plus e director xeral de Contidos de Mediaset ata hai pouco. Un acto de distinción que contará coa presenza do histórico xornalista e presentador de televisión, Pedro Piqueras, pregoeiro da Feira do Cocido en 2012 e amigo persoal do homenaxeado. Piqueras intervirá facendo a laudatio de Cachi Villanueva.

Dáse así cumprimento ao acordo plenario unánime do 27 de decembro de 2024 polo que se acordou outorgarlle a Manuel Villanueva de Castro a concesión dunha das distincións honoríficas e condecoracións reservadas a personalidades polos seus méritos especiais, cualidades e servizos extraordinarios en favor do municipio.

O acto de nomeamento de Fillo Adoptivo a Cachi Villanueva, aberto a todos/as os/as veciños/as que queiran asistir, conducido por Manuel Vilariño, dará comezo coa interpretación coa Marcha do Antigo Reino interpretada polo Grupo de Gaitas A Carballeira de Cercio. Seguidamente, o secretario xeral da Corporación, César López Arribas, lerá o acordo plenario da distinción outorgada polo Concello de Lalín e, a continuación, Pedro Piqueras, pronunciará un discurso en eloxio a Cachi Villanueva.

Posteriormente proxectarase un breve vídeo sobre a traxectoria do homenaxeado e inmediatamente despois o alcalde de Lalín entregará a Villanueva os elementos acreditativos da concesión outorgada e o homenaxeado asinará no Libro de Honra do Concello de Lalín.

Será despois o momento das intervencións institucionais entre as que se atoparán a do homenaxeado, Manuel Villanueva de Castro, e do alcalde, José Crespo. A parte final do acto contará coa interpretación dunha peza bailada por parte da Carballeira de Cercio, un miniconcerto do grupo de saxofonistas do Conservatorio (3 pezas) e co peche co Himno galego interpretado pola Carballeira de Cercio. Está prevista a asistencia de membros da Corporación Municipal lalinense, ademais de familiares, amizades e veciñanza..

Mediante esta distinción preténdese poñer en valor a figura de Manuel Villanueva de Castro (Marín, 1957) pola súa contribución dun xeito notable desde o ano 2002 ao traballo de divulgación da Feira do Cocido como comunicador e creador galego cunha destacada experiencia no ámbito televisivo desenvolvendo o seu labor como recoñecido éxito na TVG, Antena 3 Televisión, Canal Plus e ata hai pouco como director xeral de Contidos de Mediaset, que desde Madrid e, en base á responsabilidade que exerceu no seu desempeño profesional, e que fixo que a nosa Feira estivera incluída sempre en espazos televisivos preferentes na cadea Telecinco, non só o día grande, senón ao longo da celebración de máis dunha vintena de actos ao redor desta Festa de Interese Turístico Internacional.

Unha difusión e promoción de difícil cuantificación económica se houbera que pagar os espazos televisivos a nivel nacional nos que a Feira do Cocido tivo presenza en horas de máxima audiencia e o noso concello foi plató televisivo da cadea en numerosas ocasións. Unha das últimas veces foi co pregoeiro Ribagorda que realizou o informativo de mediodía desde a Praza da Igrexa pola Feira do Cocido do 2023.

Ademais Manuel Villanueva ten brindado unha especial colaboración ao alcalde de Lalín na realización de importantes e definitivas xestións en Madrid desde 2006 en que foi nomeado Comendador do Cocido asistindo a numerosos actos, promovendo a nosa Feira e posibilitando a presenza de numerosas personalidades de recoñecida popularidade e prestixio en distintas edicións da Feira do Cocido, como pregoeiros e comendadores e mesmo invitados de honra, cos que mantén bo trato e relación por amizade e profesión e que axudaron coa súa presenza a engrandecer a Feira do Cocido e a nosa gastronomía e, de paso, o noso municipio e as súas xentes.

No ano 2007 mediou para que o recoñecido cociñeiro e presentador de televisión Karlos Arguiñano aceptara ser premiado da XXXIX Feira do Cocido, dedicándolle días despois un dos seus programas habituais en Telecinco á feira lalinense. Tres anos despois, no 2010 xestionou a presenza da actriz galega María Castro para que exercera de pregoeira, aceptando tamén ser Comendadora na XLII edición da Feira.

No ano 2012 mediou para que o xornalista e presentador de televisión, Pedro Piqueras, fora o pregoeiro da XLIV Feira do Cocido e dous anos despois, no 2014, contribuíu a que o escritor, político, economista, divulgador científico e presentador televisivo Eduardo Punset Casals aceptase ser o pregoeiro no ano 2014, edición da Feira á que tamén asistiron pola súa mediación a actriz Vanesa Romero ben coñecida pola serie “La que se avecina” e o presidente do Atlético de Madrid, Enrique Cerezo, que foron nomeados membros da Encomenda do Cocido, ao igual que a actriz e presentadora galega Cristina Castaño. Tamén interviu na presenza da xornalista, escritora e presentadora televisiva, Sonsoles Ónega pregoando a Feira do Cocido de 2020, na primeira edición da Feira que se celebrou co recoñecemento de “Festa de Interese Turístico Internacional”.

En todas as ocasións que o alcalde chamou a Manuel Villanueva solicitando a súa axuda para conseguir un determinado pregoeiro/a ou comendador/a de recoñecida popularidade e notable prestixio, sempre accedeu a realizar as xestións e estas sempre frutificaron, segundo ten manifestado o propio alcalde publicamente en varias ocasións.

Pergamiño acreditativo e Premio Cunqueiro

Por este labor de apoio e contribución á Feira, Villanueva xa recibira en 2012 un agradecemento público no Pleno celebrado o 2 de maio e entregóuselle un pergamiño acreditativo deste agradecemento do Concello de Lalín, acto que se levou a cabo o 9 de xuño no salón de Plenos do Concello. Un acordo por proposta do alcalde Crespo Iglesias que se acordou por maioría, con 19 votos a favor, 2 abstencións e ningún voto en contra.

En 2023 Manuel Villanueva gañou o XXIX Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro co artigo “Breve historia de un cocido gallego en Madrid” publicado en Faro de Vigo, recoñecido como o premio gastronómico máis importante de España.

Síntese biográfica

Manuel Villanueva de Castro (Marín, 1957) comezou a súa traxectoria profesional en Radio Pontevedra (Cadena SER), saltou a Radio 80 Pontevedra e en 1985 formou parte do equipo fundacional da cadea autonómica pública Radio Galega, pasando posteriormente á Xefatura de Emisións e Programación da Televisión de Galicia. Coa chegada das privadas, o directivo converteuse en 1990 en director de Programación da recen nacida cadea Telecinco, dende a que saltou a Canal+ para asumir o mesmo cargo e posteriormente converteuse en xefe de Contidos de Antena 3. En 2002 volveu a Telecinco baixo as ordes de Paolo Vasile, que acuñou unha televisión tan rendible coma polémica. En recoñecemento á súa traxectoria profesional foi distinguido co Premio Talento 2006 pola Academia de las Ciencias y las Artes de Televisión.

Villanueva nunca cortou o cordón umbilical coa súa terra galega, tal e como deixou ver nos últimos tempos. En 2022, foi nomeado “Fillo Adoptivo de Ourense” pola Deputación Provincial e nese mesmo ano deu o pregón das festas no seu Marín natal e obtivo a Insignia de prata das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia do Carballiño, vila na que pasou boa parte da súa xuventude.

A maiores, o pasado ano 2023 recibiu o Premio OUFF Televisión na 28ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que recoñeceu a súa "ampla e exitosa traxectoria profesional no mundo da televisión”.

Villanueva pensa continuar no medio audiovisual e tamén no xornalismo escrito, no que se iniciara colaborando en Diario de Pontevedra, La Voz de Galicia (na que publicaba textos eloxiosos sobre o “seu” Celta), La Región, Faro de Vigo, nas revistas Luzes e Tapas, no xornal El Mundo ou o extinto xornal dixital Nius, cunha sección gastronómica. Tamén é autor dos libros “Por el camino primitivo. Peregrinar a Compostela” (Fundación Caixa Galicia, 2008, coautor con Jesús Villamil) e 'Palabra de Vino' (Muddy Waters Books, 2021).

A outros niveis Manuel Villanueva formou parte en numerosas ocasións como xurado de diferentes certames de importantes congresos como Madrid Fusión e San Sebastián Gastronomika.

Chegada a idade de xubilación, Manuel Villanueva de Castro, considerado como un do directivos máis recoñecidos da industria audiovisual nacional, con notable éxito á fronte das catro grandes cadeas privadas de televisión en España, ten manifestado o seu desexo de seguir traballando neste sector que tan ben coñece e, ao tempo, continuar colaborando coma ata o de agora na difusión e promoción da Feira do Cocido de Lalín. Deste xeito desde o pasado mes de outubro é membro da Academia Gastronómica Madrileña e segue a ser Embaixador nacional do viño.

km0