-
Durante os preparativos deron a coñecer que xa existen a día de hoxe uns 50 inscritos e apuran os últimos días antes de pechar a inscrición o día 17 de marzo, posto que conta cun aforo limitado no entorno das 80 persoas
-
Blanco e García acudiron ao Castro de Doade onde se fará na tarde do domingo 23 de marzo unha visita guiada pola directora das ultimas escavacións do Castro de Doade, Vanesa Trevín, onde poñerán en valor o traballo levado a cabo polo Museo Casa do Patrón no ámbito da arqueoloxía
-
Blanco, apuntou a importancia que o Concello dá á arqueoloxía como motor dun turismo cultural coa celebración deste congreso
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco e o coordinador do Congreso de Arqueoloxía de Deza (CADLalín2025), Víctor García, e o xerente do Museo Casa do Patrón, Manuel Blanco, veñen de visitar o Castro de Doade para ultimar os detalles da visita guiada ao mesmo que se enmarcará dentro das actividades previstas no congreso que se celebrará en Lalín os días 21 (venres), 22 (sábado) e 23 (domingo) de marzo. A mencionada visita será dirixida pola directora das escavacións do Castro, Vanesa Trevín, da empresa CADO e conta coa colaboración do Museo Casa do Patrón, un referente no que se refire a aposta por achegar a arqueoloxía a xente dende unha óptica sinxela e atractiva, segundo comenta Víctor García.
Durante esa visita Blanco e García deron a coñecer que a día de hoxe xa existen 50 inscritos no mesmo e animaron a aquelas persoas que queiran asistir a apurar a súa inscrición tendo en conta que o aforo é limitado (no entorno das 80 persoas) ao celebrarse os relatorios e o workshops no Edificio Sociocultural da Rúa Manuel Rivero. O coordinador do congreso, o arqueólogo cruceño, Víctor García, recorda que para inscribirse pode facerse a través das canles establecidas nas redes sociais facebook e Instagram, onde tamén se pode ver o programa de actividades, escribindo un correo electrónico a cadlalín2025@gmail.com ou ben chamar ou enviar un whasapp aos teléfonos 661117767 ou 676301699. A inscrición estará aberta ata o 17 de marzo, inclusive. O congreso está orientado de xeito principal a profesionais o estudantes do ámbito da arqueoloxía e/o a historia, pero pola súa temática tamén pode ser de interese para afeccionados ou técnicos de cultura e turismo.
Obradoiros de arqueoloxía experimental nos centros escolares
A concelleira Begoña Blanco adiantou tamén que neste intre se están ultimando actividades no diferentes centros escolares do Concello para nenos/as de Primaria durante a semana na cal se celebrará o congreso achegando aos mesmo un obradoiro de arqueoloxía experimental impartido pólo propio Víctor González que afirmou que “é a mellor maneira de espertar nos nenos o interese por un mundo que lles queda lonxe, pero que o ver de cerca como se facían as lanzas, as vasillas ou os utensilios de cociña, descobren que aparte dunha ciencia, a arqueoloxía pode ser divertida”.
Blanco pola súa parte recordou que “o congreso empeza precisamente o día 21 cunha actividade pensada para os rapaces, cunha exposición de elementos chamativos como son cuncas, ídolos, etc., feitos tal cal facían os nosos antepasados e cunha peli de debuxos de Tadeo Jones, que sabemos que espertará neles a ilusión por aventurarse pólos achados arqueolóxicos, pero aparte creemos que traballar cos centros escolares pode ser un bo canal para que os mais novos teñan interese pola nosa historia. Como vimos dicindo ultimamente non hai mellor maneira de respectar o patrimonio que coñecendo de onde vén”.
A aposta de Lalín polo turismo arqueolóxico
Begoña Blanco fixo fincapé nesta visita a aposta clara do Concello de Lalín por traballar na posta en valor dos xacementos arqueolóxicos como unha forma de atraer novos visitantes e desestacionalizar o turismo, “Lalín é Cocido, e Lalín e natureza e Camiños de Santiago, pero non podemos dar as costas a que, por exemplo, somos o concello de Galicia que ten máis castros, e esa bagaxe arqueolóxica pode ser unha forma de atraer xente a facer un turismo cada vez mais demandado”. Blanco enmarca este congreso dentro dunha estratexia de posta en valor da arqueoloxía que se referenda co traballo que se está realizando para volta a poñer en marcha o laboratorio do Pazo de Liñares ou o feito de incluír como un eixo da EDIL presentada para a captación de fondos europeos.