-
O chef lalinense Álex Iglesias, protagonizou esta actividade que congregou máis de medio cento de persoas
-
Preparáronse tres propostas: Filloa de Lestedo con orella de porco en tempura; Canelón de Filloa de Lestedo con picadillo de Cocido de Lalín e hamburguesa de garavanzo de Cocido de Lalín sobre Filloa de Lestedo
A Carpa Gastro da Festa da Filloa de Lestedo acolleu onte o Showcooking do Cocido de Lalín. Unha cita que contou con máis de medio cento de persoas que foi dirixida polo chef lalinense, Álex Iglesias.
A apertura oficial desta actividade, incluída dentro do programa Filloa Cooking da Festa declarada de Interese Turístico Nacional, correu a cargo do presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal; do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e do concelleiro lalinense Avelino Souto. Na súa intervención, Souto puxo de manifesto a importancia do irmandamento formalizado este ano entre a Feira do Cocido e a Festa da Filloa de Lestedo, salientando a súa vinculación, toda vez que o produto boqueixonés “é unha das sobremesas principais que leva o noso cocido”.
Pola súa banda, tanto Canabal como Rodeiro agradeceron ao Concello de Lalín o seu apoio á Festa da Filloa de Lestedo, materializada neste irmandamento e animaron a veciñanza e visitantes a achegarse este domingo a gozar da xornada grande da celebración. O irmandamento inclúe non só a participación de representantes do evento boqueixonés na capital do Deza, senón tamén o desenvolvemento de propostas gastronómicas conxuntas como o showcooking de onte ou o propio Cocido da Filloa, que tamén levará o selo de Lalín, sendo preparado por Álex Iglesias.
Tres deliciosas propostas
O chef do Restaurante Cabanas sorprendeu coas súas preparacións, baseadas na cociña de aproveitamento, tomando como base o Cocido de Lalín. Así, o primeiro dos pratos foi unha Filloa de Lestedo con orella de porco en tempura e garavanzos crocantes.
A esta sorprendente combinación sumouse un Canelón de Filloa de Lestedo con picadillo de Cocido de Lalín. Unha proposta ideal para aproveitar eses restos que quedan do prato e darlle outra forma acompañado co produto boqueixonés por excelencia.
Finalizou o showcooking de Álex Iglesias cunha Hamburguesa de garavanzo de Cocido de Lalín sobre Filloa de Lestedo, que resulta ideal “para que as crianzas coman legumes”, explicou o chef. Todos os pratos foron harmonizados cos viños da adega Regina Viarum, que tamén estará presente no Cocido da Filloa do domingo no pavillón de Lestedo.
O irmandamento entre a Festa da Filloa e a Feira Cocido continuará o día grande da celebración en Lestedo coa organización do Cocido da Filloa, que tamén terá a Álex Iglesias como protagonista. Unha actividade que permitirá ás persoas asistentes completar a súa experiencia gastronómica na Festa da Filloa de Lestedo, que este ano estrea a súa declaración de Interese Turístico Nacional.