Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
ATA O 30 DE DECEMBRO ESTÁ ABERTO O PRAZO PARA PRESENTAR SOLICITUDES DE COLABORACIÓN PARA O COMPROMISO DE CALIDADE DO MES DO COCIDO
  • O concelleiro de Turismo anima á participación dadas as sinerxías que se crean para o tecido socioeconómico e empresarial en base á extraordinaria difusión da que goza a Feira do Cocido na actualidade

  • Establécese un máximo de 100 espazos destinados a colaboradores e a subvención mínima será de 100 euros, podéndose ofertar unha subvención maior, criterio que prevalecerá na selección dos colaboradores

  • Seleccionaranse as cen ofertas que ofrezan a subvención de maior importe, colocándose de maior a menor na cartelería

  • A documentación deberá ser achegada en sobre pechado no Rexistro do Concello

O concelleiro de Turismo, Avelino Souto Rozados, anuncia que “está aberto o prazo de solicitude para achegar propostas de colaboración empresarial para participar no compromiso de calidade do Mes do Cocido durante a 57ª Feira, que poderán presentarse ata o 30 de decembro”.

Souto Rozados anima á participación “dadas as sinerxías beneficiosas que se crean para o tecido socioeconómico e empresarial en base á extraordinaria difusión da que goza a Feira do Cocido na actualidade”. Lembra que a Feira foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no 1999, Festa de Interese Turístico Nacional no 2010 e que no 2020 acadou a máis alta distinción: Festa de Interese Turístico Internacional, converténdose na primeira gastronómica en obter este recoñecemento máximo.

O concelleiro remarca que “a través da celebración de convenios público-privados preténdese obter unha optimización e mellora dos recursos dispoñibles para a realización deste evento”. “Trátase de fomentar a expansión dos recursos de financiamento da cultura, con novas fórmulas de colaboración, tendo en conta que este evento constitúe un factor determinante para o desenvolvemento económico e social do Concello de Lalín e que supón un campo propicio para a colaboración privada”, sinala.

Explica que “pretendemos acadar a máxima colaboración empresarial nunha actividade de interese xeral como é a Feira do Cocido, un evento dinamizador dos sectores produtivos de Lalín e Comarca: así, a cambio dunha subvención ofertada polos colaboradores para levar a cabo o desenvolvemento do Mes do Cocido de Lalín, o Concello comprométese a difundir a presenza como entidade colaboradora dos mesmos, en todos os eventos que organice durante o Mes do Cocido e que garden relación co mesmo”.

Neste sentido precisa que “deste xeito, o Concello comprométese a difundir a participación e colaboración das empresas seleccionadas mediante a difusión da súa presenza na cartelería, concretamente no programa de man despregable da Feira do Cocido e nos dípticos do Mes do Cocido”. “Así mesmo o Concello outorgaralle un distintivo como entidade colaboradora co compromiso de calidade do Mes do Cocido a todos os empresarios que colaboren no mesmo”, subliña.

En canto ao número de espazos destinados para a colaboración, o responsable municipal fai fincapé en que “se establecen un máximo de 100 espazos destinados aos colaboradores, que se inserirán na cartelería mencionada, a través dunha relación nominal das entidades colaboradoras”.

A subvención mínima será de 100 euros podéndose ofertar unha subvención maior, sempre a partir de 100 euros. No caso de que non se cubran todos os espazos, os sobrantes redistribuiranse entre os colaboradores existentes. Así mesmo o Concello resérvase o dereito de incluír nos soportes antes citados a presenza daqueles colaboradores institucionais (entes, organismos ou administracións públicas) cos que o Concello teña levado a cabo acordos ou convenios na materia. As empresas colaboradoras seleccionaranse a través dun proceso aberto, no que todo o empresariado interesado poderá presentar unha única proposta de colaboración.

As propostas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ata o 30 de decembro, ás 10 horas. Cada empresario non poderá presentar máis dunha proposta. A infracción dará lugar á non admisión de todas as propostas por el subscritas. Establécese un único criterio de selección de colaboradores: a mellor subvención ofertada.

A documentación deberá ser achegada en sobre pechado. As bases están dispoñibles na páxina web do Concello e no Rexistro de Entrada do Concello.

Unha vez finalizado o prazo de presentación da documentación administrativa, a Comisión de Valoración examinará a documentación aportada, e se fose necesario subsanar algún defecto ou omisión de documentación dará prazo non superior a 3 días hábiles para que os solicitantes corrixen ou emenden. Unha vez cualificada a documentación redactarse a listaxe dos colaboradores seleccionados por orde decrecente, excluíndose os que non se presenten a documentación completa ou os que incumpran as bases.

A Comisión de Valoración elevaralle ao órgano competente a listaxe definitiva de colaboradores admitidos e excluídos para a súa aprobación. Unha vez aprobada, publicitarase no perfil do contratante do Concello de Lalín e/ou na páxina web municipal e no taboleiro de edictos do Concello e notificaráselle aos colaboradores seleccionados para que procedan a asinar o correspondente convenio de colaboración.

Os colaboradores asinarán o correspondente convenio administrativo de colaboración para a difusión publicitaria da 57ª edición da Feira do Cocido do prazo máximo de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte da notificación da súa condición de colaborador co compromiso de calidade do Mes do Cocido.

O XXVII Mes do Cocido terá lugar entre os días 15 de xaneiro e 14 de febreiro (de 2025) e con esta actuación en materia de colaboración procúrase acadar e manter uns estándares mínimos de calidade no desenvolvemento do cocido propiciando ademais o compromiso de participación das empresas: restaurantes, carnicerías, fábricas de embutidos, queixo, mel, doces, pan, licores, etc.

km0