-
O prazo de recepción de orixinais para este premio, o máis importante de periodismo gastronómico de España, manterase aberto ata o 27 de xaneiro de 2025
-
Haberá dous galardóns, 4.000 € destinaranse ao mellor traballo xornalístico entre todas as categorías e 1.000 € ao mellor traballo académico
Mañá ábrese o prazo de presentación de traballos ao XXXI Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro” dotado con 5.000 € en total en dous galardóns que promove o Concello de Lalín, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, as asociacións gastronómicas galegas e a Axencia Turismo de Galicia (Xunta de Galicia). Trátase do premio máis importante de periodismo gastronómico de España e conta cunha dotación económica total de 5.000 € distribuídos en dúas categorías:
-
1) Premio de 4.000 € ao mellor traballo xornalístico entre o conxunto de todas as categorías e ao que poderán concorrer os escritos publicados en medios de comunicación impresos: os libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía; os traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións; páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou traballos gráficos (fotografía, viñeta, etc.) publicados en medios de comunicación impresos
-
2) Premio de 1.000 € ao mellor traballo académico (prensa, radio, televisión e web) dedicado á gastronomía e presentado por alumnos de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional co fin de potenciar aos novos valores da profesión xornalística, debendo estar acreditados academicamente por un/unha docente do centro de estudos.
Os traballos poderán presentarse ata 27 de xaneiro de 2025, de acordo ás bases e ao extracto de bases da convocatoria publicadas no BOPPO os días 9 de decembro e 13 de decembro, respectivamente. En todo caso se o envío se realizase por correo ordinario, terase en conta a data que figure no selo postal.
Poderán tomar parte no devandito concurso os/as escritores/as, xornalistas e particulares que publicaran artigos, libros, entrevistas, reportaxes, viñetas, fotografías, comentarios, etc. en galego, en castelán ou calquera idioma, nos distintos medios de comunicación (prensa, radio, televisión, redes sociais e publicacións), sobre temas relacionados coa gastronomía galega en particular e a gastronomía en xeral, nos últimos dous anos. Ademais poden tomar parte os estudantes de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual que presenten os seus traballos académicos relacionados coa gastronomía.
Non poderán ter sido premiados os/as gañadores/as de edicións inmediatamente anteriores, en ningunha das modalidades.
Unicamente se poderá presentar unha obra por autor/as, en cada modalidade. As obras presentadas serán artigos, libros, entrevistas, reportaxes, viñetas, fotografías, comentarios, etc. escritos en galego, castelán ou calquera idioma, publicados nos distintos medios de comunicación nos dous últimos anos. As obras versarán sobre temas relacionados coa gastronomía galegas en particular e a gastronomía en xeral. As obras non poderán ser premiadas con anterioridade en ningún outro concurso nacional ou internacional, nin terse presentado a ningún outro certame cuxo fallo deberá producirse antes da resolución da presente convocatoria.
Presentación dos traballos por sede electrónica ou Rexistro Xeral
Os traballos presentaranse, ben polo autor ou por terceiras persoas ou entidades, en exemplar orixinal, a través dunha instancia xeral debidamente cuberta e asinada a través da sede electrónica do Concello de Lalín, acompañados dun escrito dirixido ao Alcalde-Presidente do Concello de Lalín co nome, datos persoais, teléfono de contacto, declaración responsable e currículo do/a autor/a.
Na solicitude deberá figurar “Para o Premio de xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro”, así como a a categoría á que concorre (xornalística ou académica). No caso de libros ou outro soporte que así o permita tamén poderán presentarse de forma física a través do Rexistro Xeral do Concello de Lalín (Praza de Galicia, 1 36500 Lalín) por correo posta ou de forma presencial. Con todo é imprescindible e condición necesaria que a presentación en formato físico/papel vaia acompañada da correspondente copia en soporte dixital (USB, DVD, CD ou similar) ou, no seu caso, dun enlace de descarga que permita efectivamente a mesma.
Nos casos de presentación física deberán presentarse seis exemplares do traballo a concurso así como, un escrito dirixido ao Alcalde-Presidente do Concello de Lalín co nome, datos persoais, teléfono de contacto e currículo do autor/a, no seu caso, tamén da persoa que presenta o traballo.
Un xurado, nomeado para o efecto, que estará formado por xornalistas de medios de comunicación de Galicia e representantes das institucións colaboradoras, seleccionará os traballos que considere merecedores dos premios, tendo en conta a súa calidade xornalística, difusión da gastronomía galega, potenciación da nosa cultura, considerando un valor engadido facer referencia ao Cocido de Lalín.
O dito xurado reunirase unha vez revisados todos os traballos seleccionados, emitir o fallo que se dará a coñecer publicamente nun acto programado ao efecto con anterioridade á celebración da LVIIª Feira do Cocido.
O Concello de Lalín poderá esixir a identificación da personalidade dos/as premiados/as que, salvo causas de forza maior suficientemente acreditadas, deberán recoller os premios no acto que se organice ao efecto.
Antes de proceder ao pagamento a persoa premiada deberá presentar no Rexistro do Concello de Lalín certificación acreditativa de estar ao corrente coas obrigas tributarias coa Seguridade Social, coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Axencia Tributaria de Galicia. O Concello comprobará de oficio que a persoa premiada se atopa ao corrente de pago coas obrigas tributarias coa propia entidade.
Así mesmo o Concello resérvase o dereito a convocar aos premiados en calquera das categorías para formar parte do xurado na seguinte edición.
O Premio “Álvaro Cunqueiro” leva o nome do primeiro pregoeiro da Feira do Cocido e está promovido polo Concello de Lalín, desde o ano 1993, en colaboración coas asociacións gastronómicas galegas, a Axencia Turismo de Galicia e coa Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela para recoñecer o labor de xornalistas e escritores como difusores da cociña galega.
Enlace ás bases e ao extracto de bases publicadas no BOPPO:
https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2024/12/09/2024079246
Extracto de bases:
https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2024/12/13/2024081213