A solicitude de inscrición poderá presentarse na Biblioteca desde o vindeiro 9 de decembro ata o 23, acompañada dun sobre pechado que conterá a postal a concurso
-
A concelleira de Cultura indica que con este certame trátase de fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa dos/as nenos/as lalinenses
-
Presentarase un único debuxo por participante
-
Os premios serán: un diploma e un lote de libros para a categoría A (nenos e nenas de 3 a 6 anos) e un diploma e un lote de libros para a categoría B (nenos e nenas de 7 a 12 anos), ademais dunha mención especial para todos os participantes.
-
A entrega dos premios terá lugar na Biblioteca Municipal o 14 de xaneiro de 2025
A concelleira de Cultura, Paz Pérez, anuncia que o Concello de Lalín, desde a Biblioteca Municipal Varela Jácome, vén de convocar o I Concurso de Postais <Aldeas de Nadal>, co obxectivo de fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa dos/as nenos/as lalinenses.
O prazo ábrese o vindeiro luns, 9 de decembro e poden tomar parte os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ambos inclusive, do Concello de Lalín que se axusten aos requisitos establecidos nas bases, explica. Presentarase un único debuxo por participante.
A solicitude de inscrición deberá presentarse na Biblioteca Municipal desde o luns, de decembro ás 9 h, acompañada dun sobre pechado que conterá a postal a concurso, sinala. Fóra do sobre deberá aparecer a lenda “Concurso de Postais Aldeas de Nadal” e a categoría na que participan (categoría A: nenos e nenas de 3 a 6 anos e categoría B: nenos e nenas de 7 a 12 anos). O prazo rematará o 23 de decembro ás 21 horas. Non se admitirán traballos presentados fóra de prazo.
Os debuxos ou ilustracións terán como temática as “Aldeas de Nadal”. O xurado valorará a orixinalidade e a capacidade creativa acorde á idade do/a participante. Quedarán excluídos os traballos cuxo contido sexa sexista, xenófobo, homófobo, racista ou calquera outra expresión violenta que poida afectar ou danar a integridade e o benestar doutras persoas.
Os traballos presentaranse en tamaño DIN A4 sobre papel ou cartolina sen dobrar. Poderán usarse todo tipo de materiais ou pinturas, coa única condición de non presentar relevo. O contido do debuxo deberá ser manual (non dixital), orixinal, inédito e de técnica libre, sempre que se posibilite a súa reprodución impresa. Non debera figurar, nin na parte frontal nin na traseira, ningún nome ou alcume que poida identificar o traballo co/a participante.
Os premios serán: un diploma e un lote de libros para a categoría A e un diploma e un lote de libros para a categoría B, ademais dunha mención especial para todos os participantes. A entrega dos premios terá lugar na Biblioteca Municipal o 14 de xaneiro de 2025. O anuncio do fallo publicarase nos medios locais e nas redes sociais municipais.
A Concellería de Cultura designará o xurado, presidido pola concelleira e formado por un/unha representante da Biblioteca Municipal e un representante máis, que designe a presidencia cuxos datos se reflectirán na acta do xurado.
A Biblioteca resérvase o dereito de organizar unha exposición pública con todos ou parte dos traballos participantes nas datas e horarios que se determinen.