Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
O XOVES E VENRES TERÁ LUGAR O OBRADOIRO CREATIVO SOBRE O REFRANEIRO POPULAR “SABEDORÍA POPULAR PARA TRABALLAR A MEMORIA”, DENTRO DO PROGRAMA “LALÍN ACTIVA NO RURAL”
  • O xoves ás 17.30 h no local social de Soutolongo e o venres ás mesma hora no local do Espazo Activo en Lalín

  • Baseado en sesións dinámicas e participativas, fomentarase a estimulación cognitiva e as emocións a través do refraneiro popular

  • Con esta iniciativa crearase un espazo onde os/as usuarios/as do programa Lalín Activa fortalezan lazos sociais e mellorar a súa calidade de vida a través da risa e o pensamento positivo

A concelleira de Política Social, Carmen Canda, informa do comezo do obradoiro de estimulación da memoria “Os refráns: Sabedoría popular para traballar a memoria”, dentro do programa Lalín Activa, que terán lugar mañá xoves 28 de novembro ás 17.30 horas no local social de Soutolongo e o venres 29 ás 17.30 no local do Espazo Activo (antigo local da radio municipal).

O programa “Lalín Activa no rural” ten como obxectivo principal proporcionar e fomentar ás familias coidadoras de persoas un espazo onde realizar actividades, dado que moitas das que conviven coas súas familias pasan moito tempo en soidade debido ás responsabilidades laborais que teñen as persoas encargadas dos seus coidados, permitindo ao tempo a estas últimas poder gozar de tempo libre e conciliación e respiro familiar.

Os obxectivos que se pretenden conseguir co programa son implementar formacións e actividades para a autosuficiencia e autoestima, fomentar a estimulación cognitiva, favorecer o ocio e as relacións interpersoais, crear o hábito de levar a cabo sesións de ximnasia e rehabilitación física, avaliación continua das capacidades cognitivas das persoas participantes e realizar un diagnóstico cognitivo a nivel individual da situación e das necesidades das persoas.

En concreto neste taller denominado “Os refráns: Sabedoría popular para traballar a memoria”, destinado principalmente para as persoas que xa participan nas actividades do “Lalín Activa no rural”, pretende utilizar o refraneiro popular estimulando diferentes áreas do cerebro (lóbulo temporal, cerebro anterior e lóbulo frontal) e coas emocións, traballando a reminiscencia, etc. Durante o taller as persoas asistentes realizarán un bolsa personalizada cun refrán escollido por elas.

O programa está financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, tras o sinatura do convenio de colaboración entre a dita Consellería e o Concello de Lalín para o financiamento do programa de Respiro Familiar “Lalín Activa” para o exercicio 2024.

Ao Concello de Lalín, tras a sinatura do convenio coa Consellería de Política Social e Igualdade, concedésenlle 75.000 € e cunha achega municipal a maiores de 3.000 € para o financiamento do programa “Lalín Activa” para este ano 2024 na que se incorporan actividades como “Lalín Activa no Rural”, a “Idade de Ouro en Movemento” e as actividades de “Musicoterapia”, pintura ao óleo, acuarela, historia da arte, informática (iniciación e avanzado), estimulación cognitiva e inglés (iniciación e avanzado).

km0