Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
A EXPOSICIÓN DO MATEMÁTICO RODRÍGUEZ RECIBE A PRIMEIRA VISITA DUN CENTRO EDUCATIVO

Un grupo de 25 alumnos/as do CEIP Xesús Golmar achegáronse hoxe a coñecer esta mostra deste ilustre lalinense e primeiro gran home das Ciencias de Galicia

 

 

A mostra pódese visitar ata o 28 de xaneiro na Casa Consistorial de Lalín en horario de 8 a 15 e de 17 a 19 h de luns a venres e as fins de semana e festivos en horario de 12 a 14 e de 17 a 19 h

A exposición “José Rodríguez. O Matemático de Bermés”, inaugurada o pasado venres, recibiu hoxe a primeira visita dun centro educativo. Neste caso foi un grupo de 25 alumnos/as de 5º de Primaria de CEIP Xesús Golmar de Lalín quen, acompañados do seu profesorado, se achegaron a coñecer facetas inéditas deste ilustre lalinense, primeiro gran home das Ciencias de Galicia cunha traxectoria internacional, que se recollen nesta mostra de marcado carácter didáctico.

Cómpre indicar que esta exposición pódese visitar no vestíbulo da Casa Consistorial de Lalín ata o 28 de xaneiro de 2025, de luns a venres de 8 h a 15 h e de 17 h a 19 h e as fins de semana e festivos de 12 a 14 horas e de 17 a 19 horas, agás os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro de 2025, polo que se convida á veciñanza, visitantes e a todos os centros educativos que o desexen a que se acheguen a coñecela. No caso dos centros educativos é preciso que concerten visita previa no Museo Municipal (986 78 40 04 ou museo@lalin.gal).

Polo momento xa están pechadas visitas de varios centros educativos lalinenses, pero agárdase que se animen en próximas datas colexios doutros concellos, tanto da Comarca como doutros concellos da contorna. As visitas que a día de hoxe están pechadas son as seguintes:

  • Martes 26 de novembro. 11.45 h. 5º Primaria do CEIP Xesús Golmar

  • Mércores 27 de novembro. Ás 10, 11 e 12.45 h grupos de 1º da ESO, 3º e 4º ESO e 5º Primaria do colexio Scientia Lalín, respectivamente.

  • Xoves 28 de novembro. Ás 10 h, 3º Primaria do Scientia Lalín.

  • Venres 29 de novembro. 10 h, 6º Primaria do Scientia Lalín.

  • Luns, 2 de decembro. 10 h e 11 h, 6º Primaria, 3º e 4º de ESO

  • Xoves, 5 de decembro. 11 h, 5º Primaria do CEIP Xesús Golmar

  • Xoves, 12 de decembro. 12 e 13 h, 2 grupos do CEIP Xesús Golmar

Esta exposición enmárcase nos actos do bicentenario a José Rodríguez González, o Matemático de Bermés, “Científico Galego do Ano” pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) que, da man da RAGC se están a promover desde o Concello de Lalín, en colaboración da Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), da Universidade de Santiago de Compostela e do Consello da Cultura Galega.

A mostra divídese en 8 ámbitos, onde se recolle cronoloxicamente a súa vida e actividade. Este neno labrego de Lalín converteuse en catedrático de Matemáticas na USC. Logo trasladouse a París, onde estudou Astronomía e Altas Matemáticas. Participou na expedición internacional que permitiu definir o metro como unidade de medida. Tamén estudou en Inglaterra e regresou a Galicia como catedrático de Matemáticas Sublimes na USC, sendo profesor de Domingo Fontán. De seguido trasládase a Alemaña e posteriormente volve a París, momento no que mercou e remitiu instrumentos científicos para a Universidade de Santiago e para o seu discípulo Fontán.

No eido da Astronomía, foi profesor e tamén dirixiu o Observatorio de Madrid. Foi deputado por Galicia e implicouse na creación dunha Universidad Central, xerme da actual Universidad Complutense de Madrid. Así mesmo, realizou calendarios agrícolas para Galicia e Asturias. Pasou os derradeiros meses da súa vida en Santiago, onde faleceu en 1824 e foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño.

Ademais de edicións antigas de material bibliográfico diverso, a mostra reúne unha serie de documentos orixinais vencellados ao matemático Rodríguez como a súa acta de nacemento ou o seu título de Bacharel en Filosofía, cartas redactadas por el mesmo, entre outros. Inclúe así mesmo dous vídeos, un sobre a súa vida e traxectoria e outro de carácter pedagóxico -elaborado polo Consello da Cultura Galega- sobre a medición do meridiano que fixo posible establecer o metro como unidade de medida. O Concello de Lalín realizou un folleto ilustrado e un podcast sobre a vida do científico, recursos accesibles tamén nesta mostra. A exposición péchase cunha biografía do homenaxeado, realizada polo astrónomo Ramón María Aller, o seu primeiro biógrafo.

Ademais a exposición acompáñase dun folleto ilustrado realizado polo Concello de Lalín sobre a vida do científico de marcado carácter didáctico. A mostra inclúe así mesmo dous vídeos: un sobre a súa vida e traxectoria e outro de carácter pedagóxico, elaborado polo Consello da Cultura Galega, sobre a medición do meridiano que fixo posible establecer o metro como unidade de medida.

km0