-
O edil de Turismo anima á participación da veciñanza neste percorrido, no que será necesaria a inscrición previa antes do 30 de novembro, e na que haberá premios ás mellores fotografías
O Concello de Lalín promove unha ruta fotográfica de promoción dos recursos turísticos de Lalín o domingo, 1 de decembro. Así o sinala o edil de Turismo, Avelino Souto, que explica que se trata dun percorrido destinado ao público en xeral e que se desenvolverá en horario de 9.30 a 14 h esa xornada dominical.
O concelleiro anima á participación da veciñanza nesta ruta fotográfica, na que será necesaria inscrición previa antes do 30 de novembro a través do correo rutafotograficalalin@gmail.com . Poderase participar con calquera dispositivo e non son necesarios coñecementos previos de fotografía. Haberá premios para as mellores fotografías.
O punto de encontro será ás 9.30 horas na Praza da Igrexa o 1 de decembro. Ás persoas participantes, que previamente deberán estar inscritas para participar, daránselles as explicacións necesarias sobre as bases que rexen a ruta fotográfica e despois realizarase un itinerario visitando lugares destacados a nivel turístico do Concello de Lalín, pero tamén se fará un percorrido por espazos naturais cos que conta a nosa contorna, que incluirá visitas a elementos arquitectónicos e escultóricos do concello.
O obxectivo principal é poñer en valor os recursos turísticos do noso municipio e visibilizar a beleza que se atopa nel a través da perspectiva creativa e diferente que ofrece a fotografía.
A ruta irá acompañada por un fotógrafo profesional que dará explicacións sobre as claves de iniciación á fotografía, independentemente da cámara que posúa o/a usuario/a, que ademais proporcionará consellos e técnicas fotográficas para participar con mellores obras no concurso e mellorar a súa práctica.
A xornada finalizará ás 19 horas no edificio sociocultural cunha entrega de premios ás mellores fotografías que consistirán:
-
nun percorrido termal no Spa Norat do Hotel Torre do Deza
-
nun cocido para dúas persoas nun restaurante lalinense
-
e nunha cea para dúas persoas nun restaurante lalinense
A dita entrega de premios será aberta onde se visualizarán as fotografías dos premiados e se ofrecerá un aperitivo a todas as persoas que se acheguen ao lugar. Máis información no: 687 47 32 21.