Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
O 22 DE NOVEMBRO PRESÉNTASE O LIBRO E INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN DEDICADA AO MATEMÁTICO RODRÍGUEZ CON MOTIVO DO SEU BICENTENARIO •

Lalín conmemora a un dos seus fillos máis ilustres, a José Rodríguez González, considerado o primeiro científico de Galicia que acadou unha dimensión internacional

 

 

  • Os actos desenvolveranse no vestíbulo do Concello de Lalín: ás 19 h presentarase o libro “José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime” e ás 20 h inaugurarase a exposición “José Rodríguez. O matemático de Bermés”

  • Convídase a toda a veciñanza a participar nestes actos de homenaxe a un dos lalinenses máis insignes de todos os tempos e particularmente invítase aos centros educativos a que tomen parte na inauguración da exposición, con marcado carácter didáctico, e tamén a visitala ata o 13 de decembro

  • Estes actos desenvólvense grazas á Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración co Concello de Lalín, a Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), a USC e o Consello da Cultura Galega

Sábado, 16 de novembro de 2024

O próximo venres, 22 de novembro, o Concello de Lalín rende homenaxe a un dos lalinenses máis insignes de todos os tempos, José Rodríguez González, o Matemático de Bermés, con dous actos que se celebrarán no vestíbulo do Concello e que se enmarcan nos actos do seu 200 bicentenario do que tamén é “Científico Galego do Ano” elixido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

Así o explica a concelleira de Cultura e tenente alcalde, Paz Pérez, que indica que ás 19 h preséntase o libro “José Rodríguez, o Matemático de Bermés”, coeditado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e polo Consello da Cultura Galega, no que se fai un repaso pola traxectoria profesional e vital deste persoeiro ilustre, e ás 20 h inaugúrase a exposición “José Rodríguez. O matemático de Bermés”, promovida pola RAGC, en colaboración co Concello de Lalín, a Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega.

Paz Pérez sinala que “convidamos a participar nestes actos de homenaxe a este lalinense ilustre e particularmente se invita aos centros educativos a que tomen parte na inauguración da exposición, con marcado carácter didáctico, e tamén a visitala ata o 13 de decembro”. “É importante que o noso alumnado coñeza facetas inéditas deste lalinense sublime que contribuíu ao desenvolvemento das matemáticas, da astronomía, da xeodesia, da mineroloxía... a nivel internacional”.

O libro “José Rodríguez. O matemático de Bermés” conta con limiares do presidente da RAGC, do alcalde de Lalín, do conselleiro de Educación, da presidenta do Consello da Cultura Galega, e do coordinador da publicación, Juan José Nieto Roig, ademais de artigos de de distintos académicos, historiadores e profesores como o Cronista Oficial de Lalín, Daniel González Alén, Manuel de Léon, Eduardo García, Carmen Villanueva, José Ángel Docobo, Rafael Bachiller, Francisco Díaz-Fierros, Margarita Barral e José Manuel García.

A exposición, procedente de Compostela, onde foi moi visitada, poderá verse en Lalín ata o 13 de decembro e posteriormente viaxará a lugares como Madrid onde o Matemático dirixiu o Observatorio Astronómico. Nela poderase ver, por exemplo, un metro de 1817, a acta de nacemento do Matemático, o teodolito de Domingo Fontán (discípulo do Matemático), documentos antigos e instrumental diverso dos séculos XVIII e XIX, ademais da primeira biografía do homenaxeado realizada polo astrónomo Ramón María Aller.

Ademais a exposición acompáñase dun folleto ilustrado realizado polo Concello de Lalín sobre a vida do científico de marcado carácter didáctico. A mostra inclúe así mesmo dous vídeos: un sobre a súa vida e traxectoria e outro de carácter pedagóxico, elaborado polo Consello da Cultura Galega, sobre a medición do meridiano que fixo posible establecer o metro como unidade de medida.

A referida mostra abrangue unha visión moi completa do persoeiro recollendo cronoloxicamente a súa vida e actividade. Este neno labrego de Lalín converteuse en catedrático de Matemáticas na USC. Logo trasladouse a París onde estudou Astronomía e Altas Matemáticas. Participou na expedición internacional que permitiu definir o metro como unidade de medida. Tamén estudou en Inglaterra e regresou a Galicia como catedrático de Matemáticas Sublimes na USC, sendo profesor de Domingo Fontán. De seguido trasládase a Alemaña e posteriormente volve a París, momento no que mercou e remitiu instrumentos científicos para a Universidade de Santiago e para o seu discípulo Fontán.

No eido da Astronomía, dirixiu o Observatorio de Madrid. Foi deputado por Galicia e implicouse na creación dunha Universidade Central, xerme da actual Universidade Complutense de Madrid. Pasou os derradeiros meses da súa vida en Santiago, onde faleceu en 1824 e foi soterrado sen inscrición na igrexa de Santo Agostiño, onde se descubriu o pasado 1 de outubro unha placa conmemorativa dentro dos actos conmemorativo do seu bicentenario.

km0