A concelleira de área das Aldeas de Nadal sinala que este ano a Aldea das Estrelas adquirirá unha nova dimensión coas casiñas dedicadas a ilustres lalinenses que a nova Aldea Gastro combinará gastronomía, ocio e música para uso e desfrute dos visitantes
Karen Fernández remarca que este ano se fará un gran esforzo na iluminación das diferentes Aldeas, dando prioridade ás prazas onde estes días xa se están empezando a instalar os diferentes poboados
Estes días comezouse coa instalación da iluminación navideña e tamén coa montaxe das Aldeas de Nadal. Así o avanza a concelleira da área de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, que concreta que “este ano as luces de Nadal contarán con 120 arcos distribuídos polas rúas do pobo, con 50 árbores nas rúas Avenida Luis González Taboada, Joaquín Loriga, Principal e Rosalía de Castro e con 5 arcos nas entradas principais co logotipo das Aldeas de Nadal”.
Ademais Karen Fernández remarca que “dada a importancia que adquiriu o proxecto de Aldeas de Nadal, este ano farase un gran esforzo na iluminación das diferentes Aldeas, dando prioridade ás prazas onde estes días xa se están empezando a instalar estes poboados referentes”. A empresa responsable da montaxe da iluminación de Nadal é Electricidade Lesta S.L. que deberá ter todo listo para o venres, 29 de novembro, ás 19.30 h, en que se acenderá a iluminación de Nadal e tamén se inaugurarán os escaparates máxicos das Aldeas de Nadal.
Instalación en varias fases
A concelleira explica que “a instalación das Aldeas de Nadal farase en varias fases: unha primeira fase que se acometerá esta semana, na que se se procederá a colocar o groso das Aldeas dos Reis Magos (que se comezou xa a instalar onte), a dos Trasnos e a do Apalpador”. “Unha segunda fase na que se levará a gran casa de Papá Noel para a Praza da Igrexa para construír o paraugas xigantes de luces característico da Aldea de Papá Noel ao mesmo tempo que se instalará a Aldea da Música e o observatorio de Ramón Mª Aller”, sinala.
“Nunha terceira fase instalaranse os valados de decoración das casiñas, as vexetacións e os complementos varios, como photocalls, bambáns, camiños de madeira, pontes e outros elementos decorativos de todas as Aldeas, de cara a telas todas listas para a súa inauguración o próximo xoves, 5 de decembro, ás 18 horas”.
A responsable municipal sinala que “un dos aspectos sorprendentes deste ano das Aldeas -os outros darémolos cando fagamos a presentación- é a nova dimensión que vai adquirir a Aldea das Estrelas, coas novas casiñas de ilustres lalinenses que incorpora dedicadas ao Matemático Rodríguez, a Laxeiro e ao aviador Loriga, que darán un novo sentido ao proxecto inicial desta Aldea, con elementos inusuais que contribuirán a reforzar o atractivo para a cativada, tanto a nivel cultural como de diversión”. “Esta Aldea irá nunha nova fase de construción, unha vez se rematen de instalar as aldeas iniciais (Aldea de Papá Noel, Aldea do Apalpador, Aldea dos Reis Magos, Aldea da Música e Aldea dos Trasnos), xunto coa Aldea Gastro que será unha Aldea que combinará gastronomía, ocio e música para uso e desfrute dos visitantes, sobre todo nos días festivos e nas fins de semana”, afirma.