Novas

PAZ PÉREZ INDICA QUE O SAMI DESENVOLVERÁ UN CICLO DE CHARLAS DE SENSIBILIZACIÓN INTERCULTURAL NOS CENTROS EDUCATIVOS LALINENSES

Iniciarase o 7 de novembro e rematará o 10 de xaneiro e impartirase en nove xornadas

A responsable delegada de Política Social e tenente de alcalde explica que “con estas xornadas trátase de mellorar a inclusión social das persoas migrantes e favorecer a interculturalidade”

A concelleira de Política Social Paz Pérez destaca que “o Servizo de Atención ás Migracións (SAMI) do Concello de Lalín vai iniciar un ciclo de charlas de sensibilización intercultural nos centros educativos do concello que dará comezo o vindeiro luns 7 de novembro. Esta actividade realízase ao abeiro da Orde de 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de seren financiada con fondos REACT-UE no marco operativo FSE Galicia 2014-2020”.

Fixo especial fincapé en que “esta proposta pretende promover a sensibilización intercultural co alumnado dos centros de ensino do Concello de Lalín empregando a educación como ferramenta de transformación social de cara a favorecer a inclusión social do colectivo migrante así como a cohesión social”.

Finalmente comenta que “o ciclo de sensibilización intercultural desenvolverase os meses de novembro, decembro e xaneiro e implicará ao alumnado de diferentes etapas educativas (primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional) na cal participarán os centros educativos de Lalín centro: o IES Laxeiro do día 7 ao 11 de novembro, o CEIP Manuel Rivero o 21 de novembro dende as 9:30h ata as 14h, o IES Ramón Mª Aller Ulloa o 7 de decembro de 8:45 a 12:30 en diferentes cursos, o CEIP Xesús Golmar dos días 15 a 20 de decembro, e o CEIP Scientia School Lalín o día 10 de xaneiro". Tamén participan os centros de Prado (CEIP Xoaquín Loriga) o día 17 de novembro a partires das 12:40 h, en Vilatuxe (CEIP Vicente Arias de la Maza) o día 18 de novembro ás 12 h, e en Cercio (CEIP Varela Buxán) será o día 29 de novembro a partires das 11:45 h”.

km0