Novas

O PROGRAMA DE AXUDAS Á NATALIDADE DO CONCELLO RECIBE 52 SOLICITUDES NO QUE VAI DE ANO
  • Das 52 peticións, 43 están aprobadas, 7 pendentes de resolución e 2 denegadas
  • As solicitudes pódense presentar durante todo o ano, se ben o prazo permanecerá aberto ata o 15 de xaneiro de 2023 para aqueles nenos/as que nazan a partir do 15 de decembro
  • O programa continuará o ano que vén e estase valorando de cara á elaboración das bases da nova convocatoria simplificar ao máximo a tramitación dos requisitos
Un total de 52 solicitudes se recibiron no Concello de Lalín para o novo programa de axudas directas á natalidade no que vai de ano, das que xa foron concedidas 43; 7 están pendentes de resolución e 2 foron denegadas por non cumprir cos requisitos. Esta mañá o alcalde de Lalín, José Crespo; a tenente de alcalde, Paz Pérez, e o edil de Xuventude e Deportes, Avelino Souto, facían entrega a 8 novas familias destes detalles de benvida (que foron as coas solicitudes aprobadas na Xunta de Goberno do 11 de outubro).
 
Os requisitos para optar a estas axudas son os mesmos que para optar á tarxeta benvida, ter un fillo/ao longo de 2022 e non superar os 45.000 € de renda anual.
 
Cómpre destacar que as solicitudes se poden presentar durante todo o ano, con independencia do mes no que naceu o neno/a. Non obstante o prazo permanecerá aberto ata o 15 de xaneiro de 2023 para aqueles nenos/as que nazan a partir do 15 de decembro. O programa continuará o ano que vén e estase valorando de cara á elaboración das bases da nova convocatoria simplificar ao máximo a tramitación dos requisitos.
km0