- No que vai de ano 2024 sumáronse 143 novos/as usuarios/as infantís, 38 xuvenís e 159 persoas adultas
- Desenvolve diversidade de actividades ao longo do ano para contribuír a que sexa coñecida por un maior volume de xente: actividades que tiveron lugar tanto dentro das súas propias instalacións como charlas ou cursos e tamén actividades como Ler conta moito, os meses temáticos na biblioteca ou a iniciativa do recuncho LalínLe, entre outras moitas
- O trámite para facerse socio/a é sinxelo, gratuíto e rápido, só hai que facer o carné da Biblioteca, ben presencialmente no centro ou a través da Rede de Bibliotecas de Galicia
A Biblioteca Municipal Varela Jácome contabiliza unha media mensual de entre 30 e 33 carnés entregados, sumando así novos/as usuarios/as. O número total de novas persoas usuarias sitúase en 3.863, segundo os últimos datos dispoñibles correspondentes a decembro de 2023 (as estatísticas realízanse sempre ao final do ano en curso). Todas as semanas se fan carnés novos, incluso nos meses de verán nos que a actividade diminúe considerablemente.
O trámite para facerse socio da Biblioteca é sinxelo, gratuíto e rápido: pode realizarse de xeito presencial nas propias instalacións físicas ou por internet a través da Rede de Bibliotecas de Galicia, Rede na que está integrada a Biblioteca lalinense, ao igual que a gran maioría das bibliotecas públicas existentes no territorio galego, formando un entorno colaborativo na que comparten un catálogo único e prestan servizos indistintamente a calquera persoa que dispoña do carné de biblioteca dunha das bibliotecas que forman parte dela.
Polo tanto, para poder dispoñer de carné tan só hai que cubrir un impreso cos datos persoais básicos (nome, apelidos, data de nacemento, DNI ou pasaporte se se ten máis de 14 anos e teléfono) e asinalo; non será preciso achegar fotografía pois o persoal da Biblioteca Municipal Varela Jácome farallo nas propias instalacións, se opta pola modalidade presencial. En liña tamén se pode facer de xeito sinxelo o carné achegando estes mesmos datos.
É tamén recomendable que a persoa usuaria dos servizos bibliotecarios facilite aos profesionais do centro un correo electrónico, pois dispoñer del supón que poderán recibir información que lle resultará de interese sobre os préstamos que se fagan, os atrasos en devolucións, etc. a través do sistema integrado de xestión Koha ao que está adherido a Biblioteca lalinense.
50% público infantil-xuvenil e 50% adulto
Dos preto de 3.900 usuarios, o 50% corresponde a un público infantil e xuvenil e o outro 50% a un público adulto, de acordo á seguinte distribución:
- Infantil (comprende as idades de 0 a 13 anos): 635 socios, dos que se inscribiron ao longo de 2023 un total de 143 (93 nenas e 50 nenos).
- Xuvenil (entre 14 e 17 anos): 1.297 socios, dos que se sumaron en 2023 un total de 38 (23 rapazas e 15 mozos).
- Adulto (maiores de 18): 1.931, dos que 159 se fixeron socios no 2023 (89 mulleres e 70 homes).
As seccións máis consultadas foron, por grupos de idades, as seguintes:
-Dentro dos libros infantís hai unha grande heteroxeneidade de gustos: desde cómics de toda a vida, como Mortadelo e Filemón, ata títulos de Banda deseñada moito máis recentes como os de Keroro, Tokyo Ghoul...
-As lecturas obrigatorias e optativas que lles recomendan nos seus centros educativos, como é lóxico, tamén teñen unha gran saída.
-No grupo de adultos o máis lido segue a ser a novela e, sobre todo, os libros de autoaxuda (Marian Rojas Estapé, Rafael Santandreu…).
Na sección de temática local as obras máis consultadas seguen a ser os Descubrindo, Anuario do Seminario de Estudos de Deza, aínda que tamén libros de autores locais como Xoán Carlos García Porral, Charo Golmar ou Gonzalo Navaza.
Desideratas e adquisicións
Cómpre indicar que cando algún usuario/a achega á Biblioteca Municipal algunha suxestión de libros que lle gustaría ler inténtase adquirilos. Todos os/as usuarios/as teñen á súa disposición na Biblioteca unhas follas nas que poden escribir as súas desideratas (e nas que fan as recomendacións de distintos materiais para que as bibliotecas os compren) e tamén poden achegar as súas solicitudes a través do programa Koha. Cada dous meses aproximadamente estúdanse as peticións recollidas a efectos da súa posible adquisición.
Indicar con respecto ás adquisicións que nos últimos anos se están mercando unha media duns 600 libros ao abeiro das subvencións da Xunta para o programa “Mellora das coleccións” e “Novidades editoriais en galego”.
As persoas co seu carné de socio poden realizar calquera das operacións permitidas neste centro municipal, que van desde o servizo de información de referencia, ao de consulta (inclúe a colección local), ao de préstamo ou ao de formación de usuarios/as.
A formación de usuarios/as trátase dun labor continuo desenvolto polo persoal do centro cada día coa que tentan contribuír a que os usuarios sexan autónomos á hora de escoller as súas lecturas e utilizar as instalacións. Así desde o momento en que se fan socios explicáselle cal é o funcionamento: como buscar os libros que lle interesan, como renovar o carné a través da rede, etc.
Programa de dinamización lingüística
En canto ás actividades desenvoltas no que vai de ano, a Biblioteca recibiu a visita dos colexios da Comarca e levou a cabo seis actividades dentro do programa de dinamización lingüística, Ler conta moito:
- “O lápis que non quería ir á escola” para nenos/as de 6 a 10 anos, que se desenvolveu o 15 de maio con motivo das Letras galegas.
- “Güe- güe” o 29 de maio para nenos/as a partir dun ano.
- “Unha tarde especial con Dori”, o 11 de outubro para a cativada de 0 a 3 anos.
- “Onde viven os monstros”, o 25 de setembro de 3 a 11 anos.
- “Xela, a superheroína de aldea”, de 4 a 9 anos o 4 de outubro.
- “Os contos do avó, mulleres galegas”, de 3 a 12 anos para celebrar o Día das Bibliotecas.
A diferenza doutros anos no que estas actividades se desenvolvía no Salón Teatro para os colexios, este ano realizáronse na propia Biblioteca e contaron con gran afluencia de público tanto infantil como adulto.
Meses temáticos na Biblioteca
Tamén neste 2023 se están levando a cabo os meses temáticos da Biblioteca. Comezouse en marzo co mes da Igualdade no que se fixeron exposicións infantís e xuvenís con esta temática. No mes de abril celebrouse o mes do Libro e da Arte sorteando lotes de libros e visibilizando obras relacionadas co mundo artístico e creativo. En maio, desenvolveuse o mes das Letras galegas: creáronse zonas dedicadas a escritores/as galegos/as e fíxose unha actividade de dinamización lectora correspondente ao programa Ler conta moito. En xuño, mes da Natureza, traballouse o coidado do medio ambiente e o uso de refugallos. En setembro e outubro foron meses dedicados á Biblioteca e á Lectura con actividades de dinamización lectora e co inicio do programa Maletas viaxeiras. En febreiro levou ademais unha exposición temática polo Día de Rosalía de Castro.
Maletas viaxeiras
Deste xeito, un ano máis a Biblioteca puxo a andar este servizo de extensión bibliotecaria e préstamo colectivo de materiais aos centros educativos. Trátase de dúas maletas que conteñen entre uns 20 a 25 libros cada unha nas que baixo os lemas “Lemos en galego” e “Lemos en igualdade” se inclúen títulos adaptados a lectores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
As Maletas comezaron este mes a súa andaina no colexio de Donramiro onde permanecerán por espazo dun mes, para logo seguir visitando os demais colexios. Ata o agora hai tres colexios que se interesaron por esta iniciativa.
O salón de actos da Biblioteca acolle tamén todo tipo de charlas e reunións ao longo do ano. Neste momento estase levando a cabo todos os xoves un taller emocional para persoas maiores, unha actividade municipal que parte da Concellería de Política Social e que desfruta das instalacións da Biblioteca Municipal.
Unha nova vida aos libros co recuncho LalínLe
Unha iniciativa que está funcionando moi ben é o recuncho LalínLe, dispoñible á entrada da biblioteca e co que se tratar de darlle unha nova vida aos libros aos que xa se lle supón o final da súa vida. Trátase dunha mesa con libros procedentes do expurgo ou doados por persoas usuarias que xa non os queren e que están dispoñibles para calquera que os queira coller de maneira libre e gratuíta. Cómpre facer fincapé que non se admiten doazóns de enciclopedias dado que non se dispón de espazo para acollelas e hoxe en día están en desuso ou obsoletas.
O horario habitual da biblioteca é de 9 a 21 horas de luns a venres e o sábado de 10 a 14 horas, sendo unha das bibliotecas municipais de Galicia con horario máis amplo.
Acceso en calquera momento á app da Rede de Bibliotecas de Galicia
Así mesmo hai que destacar que coa aplicación móbil da Rede de Bibliotecas de Galicia podemos levar sempre con nós todo o catálogo galego da biblioteca dixital de préstamo, GaliciaLe e de eBiblioGalicia. Para usala só se necesita ter o carné de Biblioteca e entrar con usuario e contrasinal. Pódense tomar en préstamo libros, audiolibros, películas, revistas e audiovisuais, visualizalos en liña ou descargalos, de maneira gratuíta a calquera hora do día e todos os días do ano. Tamén incorpora un acceso directo ao catálogo das bibliotecas físicas da rede e vén de incorporar recentemente o novo servizo GaliciaLe+ para que as persoas que residan fóra de Galicia e queiran facer uso do préstamo dixital en galego poidan facelo a través da plataforma GaliciaLe rexistrándose a través do enlace https://autorexistro-rbgalicia.xunta.gal/galiciale .
A aplicación da rede está dispoñible tanto para Android como IOS e pódese descargar directamente nas súas respectivas plataformas. Para facelo pódese escanear un código QR ou acceder a través dos enlaces.