Avanza que haberá un concurso de escaparates das Aldeas de Nadal no que poden tomar parte todos os comerciantes lalinenses que o desexen e anímaos a participar
A fin de garantirlle asesoramento aos comerciantes que desexen tomar parte no concurso de escaparates das Aldeas de Nadal e de ofrecerlle unhas pautas comúns á hora de realizar un escaparate navideño o vindeiro domingo, 3 de novembro, ofrecerase unha formación gratuíta
De acordo á programación avanzada para o mes de novembro, o venres 29, ás 19.30 horas, terá lugar o acendido das Luces de Nadal e a inauguración dos escaparates máxicos, unha novidosa iniciativa que crea un percorrido polo comercio local a través das Aldeas de Nadal.
Karen Fernández, concelleira da área das Aldeas de Nadal, subliña que “nesta edición das Aldeas de Nadal faremos unha forte aposta e colaboración a través dun programa co que dinamizaremos o pequeno comercio, facendo do proxecto das Aldeas de Nadal o marco idóneo para ofrecer aos visitantes a oportunidade de mercar os seus agasallos nun comercio de calidade e de proximidade”.
“Unha iniciativa piloto, a dos escaparates máxicos, que desenvolveremos grazas ao apoio da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, e coa que queremos incentivar o Nadal nos comercios creando un fluxo de xente que circule polas rúas lalinenses ao tempo que percorre os escaparates máxicos”, remarca.
“Crearemos catro escaparates máxicos con escenografía propia do Nadal en escaparates baleiros e estratexicamente elixidos, que estarán concentrados en catro rúas céntricas (Wenceslao Calvo Garra, Colón, Joaquín Loriga e Avenida Luis González Taboada) e cos que fomentaremos o fluxo de persoas para visitalos”, subliña.
Concurso de escaparates máxicos das Aldeas de Nadal
Karen Fernández fai fincapé en que “este proxecto piloto está aberto ao conxunto dos comerciantes lalinenses” e convídaos “a que se sumen á iniciativa a través dos seus escaparates máxicos e participen no concurso de escaparates máxicos das Aldeas de Nadal que imos poñer en marcha co obxectivo de fomentar que os comerciantes decoren
os seus escaparates con creatividade e sustentabilidade, a cambio de que teñan unha serie de incentivos que daremos a coñecer proximamente, co fin último de garantir unha gran afluencia de clientes que visiten os ditos escaparates”.
Asesoramento aos comerciantes a través dunha formación gratuíta especializada en facer escaparates de Nadal
A responsable das Aldeas de Nadal destaca que “co fin de asesorar a todos os comerciantes que desexen participar neste concurso e tamén de establecer pautas comúns na confección dos escaparates de Nadal o vindeiro domingo, 3 de novembro, de 11 a 14 horas no edificio sociocultural, impartirase unha formación gratuíta dirixida a todos os comerciantes que queiran entrar a formar parte deste concurso de escaparates das Aldeas de Nadal”. “Neste curso ofrecerase aos participantes un enfoque do escaparatismo destinado ao pequeno comercio, con base artística, sostible e temática de Nadal”, conclúe.