-
A concelleira de Emprego estivo estes días visitando algúns dos domicilios onde se están a ofrecer estas atencións que teñen unha gran acollida polas persoas usuarias
O obradoiro de emprego “Lalín Verde”, que se leva desenvolvendo desde decembro de 2023 e que rematará o vindeiro 30 de novembro, conta cunha especialidade dedicada á atención sociosanitaria. Dentro desa especialidade, unha actividade importante que se está a realizar é a atención nos domicilios. Trátase dun servizo que está dirixido de xeito específico a prestar apoio nos domicilios a persoas maiores que viven soas e que carecen de apoio persoal na súa contorna inmediata, un servizo que tamén permite garantir apoio de respiro aos coidadores familiares.
A concelleira de Emprego, Beatriz Canda, estivo estes días visitando algúns dos dez domicilios onde o alumnado de “Lalín Verde” está atendendo ás persoas usuarias cuns excelentes resultados. O alumnado que realiza estas tarefas nos domicilios é o mesmo que traballa coas persoas maiores nos centros sociais, de tal xeito que cando rematan a súa xornada diaria de impartir as actividades gratuítas en dez centros sociais, actividades que contan cunhas 200 persoas usuarias e ás que cada día se suman máis, desprázanse cada unha das alumnas a un domicilio diferente para dar esa atención domiciliaria.
Canda indica que “temos a satisfacción dos excelentes comentarios e a gran acollida en todos os domicilios que estamos traballando semanalmente”. Cada domicilio que se atende ten garantidas dúas visitas á semana, o que fai que a dedicación a cada domicilio sexa de entre 3 horas e media ou 4 horas semanais.
A dispersión xeográfica dos 10 domicilios que se están atendendo é significativa, tendo domicilios desde Vilatuxe ata Cercio. Cada semana realízanse 600 quilómetros semanais para impartir as actividades gratuítas nos centros sociais e prestar a atención domiciliaria.
Beatriz Canda sinala que as principais tarefas realizadas polas alumnas coas persoas usuarias son: atencións de carácter persoal (aseo), limpeza e acondicionamento das habitacións correspondentes, exercicios de estimulación cognitiva (sopa de letras, crucigramas, localización do tempo e espazo, xogos de mesa...), xerontoximnasia, acompañamento e conversa, que son das actividades que maiormente valoran as persoas usuarias. Tamén paseos tanto polo interior da casa como polos arredores da mesma.
Cada persoa usuaria terá establecido un programa individual de atención, que será complementario das propias capacidades do/a usuario/a ou doutras persoas da súa contorna inmediata, non eliminando nin substituíndo as actividades que a persoa usuaria poida realizar e en ningún caso suplanta as responsabilidades familiares.