-
A concelleira de Igualdade anima a “toda a veciñanza a presentarse a esta iniciativa, xa que estamos a falar dunha lacra que afecta a toda a sociedade, que convén visibilizala e promover a súa prevención”
-
As tres mellores cartas elixidas por un xurado entre as vinte preseleccionadas pola organización serán premiadas cun diploma acreditativo e con dispositivos electrónicos de lectura
O Concello de Lalín ten aberto ata o luns 4 de novembro o prazo de presentación de traballos para o XXI concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” 2024. Así o indica a concelleira de Igualdade, Carmen Canda, que explica que esta iniciativa, organizada pola Oficina de Igualdade do Concello de Lalín, ten como finalidade promover a reflexión sobre a problemática da violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións (física, psicolóxica, sexual, económica, estrutural, vicaria...) así como os efectos e consecuencias da mesma, ao tempo que anima á participación.
De acordo ás bases aprobadas en xunta de goberno local o 6 de setembro, publicadas no BOPPO o 11 de setembro, no certame poden participar todas as persoas que o desexen, podendo enviar un máximo de tres cartas. As cartas deberán ser remitidas xunto coa ficha de inscrición a través da sede electrónica ou do Rexistro Xeral do Concello de Lalín. Tamén poderán enviarse por correo electrónico a igualdade@lalin.gal por separado nun arquivo a carta e noutro a ficha de inscrición, indicando no asunto XXI Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata”.
A temática á que deben axustarse os traballos é a violencia de xénero. Os traballos presentaranse en galego ou castelán e terán unha extensión máxima de dous folios, escritos a unha soa cara a dobre espazo, preferiblemente en letra Arial, tamaño 12 e formato DIN A4. Todos deberán ser traballos orixinais, inéditos e non presentados en anteriores concursos.
Os criterios de valoración polo xurado para elixir ás persoas premiadas serán o contido e tratamento do tema (ata 4 puntos), a orixinalidade (ata 3 puntos), e expresión e presentación en xeral (ata 3 puntos).
A organización do concurso procederá á preselección de vinte cartas. Desta vintena de traballos un xurado compostos por concelleiros/as de diferentes áreas municipais, dos membros dos distintos grupos da oposición e por persoal técnico con experiencia en violencia de xénero, presidido pola concelleira de Igualdade, valorará de 1 a 10 puntos cada unha das cartas atendendo aos ditos criterios de valoración expostos. Entre as mellor puntuadas elixirá as tres gañadoras.
O fallo recollerase nunha acta e será levado á Xunta de Goberno Local para a aprobación da concesión dos premios, que se fará público na web do Concello de Lalín.
Os premios consistirán nun diploma acreditativo e nos seguintes premios:
-
1º premio: tablet 11” 4GB 128 GB
-
2º premio: tablet 10,1” 3GB 32 GB
-
3º premio: libro electrónico 6”
Os premios entregaranse en acto público ao que deberán asistir, se é posible, as persoas gañadoras, que serán avisadas con antelación. Os premios poderán ser declarados desertos e o fallo do xurado será inapelable.
As persoas premiadas deberán acompañar declaración responsable do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 13.2 da Lei Xeral de Subvención sen a que non poderán ser beneficiarios dos premios.
A concelleira de Igualdade anima a “toda a veciñanza a presentarse a esta iniciativa, xa que estamos a falar dunha lacra que afecta a toda a sociedade, que convén visibilizala e promover a súa prevención”.
Bases dispoñibles en: https://www.lalin.gal/