-
Carmen Canda remarca a importancia de fomentar as aprendizaxes nas aulas e o envellecemento activo da poboación lalinense.
A concelleira de Política Social, Carmen Canda, anuncia a apertura do prazo para os talleres de “En Forma 1”, “Whatsapp” e “Alimenta o teu benestar” dentro do programa “Cheos de Vida” ofertados por Ategal neste semestre.
O taller de “En forma 1”, cun máximo de 20 prazas, focalizarase no exercicio físico, orientado a manter e mellorar a condición física xeral das persoas maiores. Traballarase o mantemento e a mellora da forza física e potencia muscular, o equilibrio e a coordinación para manter unha boa forma física e previr as caídas. Terá lugar os luns dende o 28 de outubro do presente ano ata o 27 de xaneiro de 2025 de 10:00 a 11:30 no Pavillón Municipal.
O taller de “Whatsapp”, cun máximo de 15 prazas, terá lugar os luns dende o 4 ao 25 de novembro de 17:00 a 19:00 na aula do Lalín Arena, e ten como finalidade facilitarlle as persoas participantes o acceso a mensaxería instantánea a través de dispositivos móbiles así como os principais elementos de comunicación e seguridade.
O taller de “Alimenta o teu benestar”, onde se darán a coñecer pautas e hábitos para gozar dunha alimentación saudable e equilibrada que axuden a mellorar a saúde das persoas participantes. Terá lugar os mércores de 17:00 a 19:00 na aula do Lalín Arena dende 30 de outubro ao 17 de decembro.
Estas actividades responden ás inquedanzas e necesidades actuais dunha xeración de persoas de 55 anos ou máis con ideas, experiencias, cultura e estilos de vida dinámicos e variados. Neste sentido a responsable municipal fai fincapé na importancia que ten fomentar as aprendizaxes nas aulas e o envellecemento activo da poboación lalinense.
As Aulas Sénior de Lalín pretenden contribuír a manter a autonomía e independencia das persoas máis maiores mediante distintas propostas e actividades, crear un espazo ocupacional tras a xubilación no que desenvolverse integramente como persoas e manter un acercamento cos ámbitos da actualidade.